Espazo ecosocialista súmase á candidatura de IU

Esquerda Unida e Espazo ecosocialista aseguran estar "en condicións" de concorrer de maneira conxunta ás eleccións europeas. @s ecosocialistas sumaríanse así á candidatura impulsada pola dirección federal de Izquierda Unida. A circunscrición eleitoral neses comicios é estatal.

Yolanda Díaz e Xoan Hermida [Imaxe: M. Montero]
photo_camera Yolanda Díaz e Xoan Hermida [Imaxe: M. Montero]

No marco das negociacións que decorren nas últimas semanas cara ás eleccións europeas, Esquerda Unida reuniuse esta quinta feira con Espazo ecosocialista para avaliaren unha posíbel confluencia nestes comicios. Neste senso, ambas as dúas organizacións amosaron "un 100% de coincidencias" e mesmo avanzaron que están "en condicións" de concorreren de maneira conxunta, embora non abordaron a conformación da candidatura á que agardan se sumen outras formacións, principalmente Anova. 

Espazo Ecosocialista súmase á fronte ampla de IU

Esta "non é unha alianza electoral", explicou o portavoz de Espazo ecosocialista, senón "un factor estratéxico para o cambio" que ha de "pivotar", insistiu Hermida, "arredor do xérmolo de AGE". Para EU e ecosocialistas é a coligación creada para as eleccións ao Parlamento galego "o núcleo" sobre o que xira o que definen como "suxeito político galego" e que se inserirá nunha candidatura estatal liderada por Izquierda Unida. 

Yolanda Díaz di que, segundo os inqueritos, a coligación liderada por IU estaría en condicións de incrementar a súa representación en Bruxelas

Pola súa banda, a coordenadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegurou que os comicios do vindeiro mes de maio fan parte do "proceso destituínte" que se está a desenvolver no seo dunha Unión europea que "non vai mudar cara á un modelo social" e na que se adoptan, dixo, "o 80% das decisións" que atinxen aos sectores produtivos galegos. 

Representación galega nunha candidatura española

Para a vice-voceira de AGE, "sería un erro" que "fixésemos deste momento a defensa dos nosos partidiños" e insistiu en "ter altura de miras" para que outras forzas políticas se sumen á proposta de IU. No entanto, afirmaron que "quen queira excluír que se exclúa", en clara alusión á negativa do BNG a confluír nunha candidatura con forzas que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

"Nós", subliñaron, "traballaremos para AGE concorrer como suxeito político galego", aínda que continúa no ar se a organización liderada por Xosé Manuel Beiras optará finalmente por se inserir na "fronte ampla non excluínte" promovida por IU ou, en troca, apoiará unha candidatura unitaria do soberanismo galego aberta ao concurso de forzas representativas das nacións catalá e basca.

Neste senso, a coordenadora nacional de Esquerda Unida dixo que, segundo apuntan os inquéritos, a coligación liderada por IU nas europeas de 2009 (IU-ICV-EUiA-BA) incrementaría a súa intención de voto (do 3,7% ao 18,10%, segundo DYM Market Researh) e "contariamos con representación galega", aseverou Yolanda Díaz.  Cumpre lembrar que os comicios ao Parlamento europeo desenvólvense nunha única circunscrición (estatal). 

Comentarios