FOXE "DO FORMATO DE PARTIDO TRADICIONAL"

O Espazo Ecosocialista, agora Espazo, busca abrir unha nova etapa

Na III Asemblea Nacional, o Espazo Ecosocialista, que forma parte de AGE, decidiu abrir unha “nova etapa” para se converter no Espazo, que foxe do “formato de partido tradicional” e que valora positivamente o preacordo de Anova, EU e Podemos para as xerais.

photo_camera Algunhas das persoas participantes

O até o de agora chamado Espazo Ecosocialista convértese no Espazo, tal e como acordou na tarde de onte a III Asemblea Nacional da formación política. Na xuntanza, convocada de maneira extraordinaria en Ames acordouse “fuxir do formato de partido tradional” e valorouse positivamente o preacordo acadado entre Anova, EU e Podemos, un preacordo que foi presentado na tarde desta sexta feira na praza de Mazarelos (Compostela). Cómpre lembrar que o Espazo forma parte de AGE, xunto con Anova e EU.

Segundo a organización, o documento político, que foi aprobado por “unha ampla maioría” do “medio centenar” de persoas participantes, chamou a construír “un bloque político-social de cambio”, sustentado nos “partidos políticos de ruptura, nas mareas municipalistas e nos movementos sociais”. Entende a formación política que o Encontro cidadán para unha Marea Galega debería incorporarse ao proxecto.

Da asemblea de onte saíu elixido o Consello Dinamizador, que estará encabezado por Manel Cardoso, traballador de Navantia.

Comentarios