A españolista UPD pide que TVG e RG non informen do BNG en campaña

A formación de Rosa Díez apresentou un recurso contra o plano de cobertura da CRTVG. UPyD entende que a TVG e RG deben informar sobre a campaña de PP, PSOE e AGE, mais non deben cubrir a do BNG. A formación nacionalista respondeu nun comunicado con retranca: "Recoñecemos que Ana Miranda non existe, é un invento para coarnos nos medios".

upyd

A UpyD pareceulle insuficiente a decisión da Xunta Eleitoral Provincial da Coruña que daba por non presentado o BNG nas anteriores eleccións europeas e, en consecuencia, lle outorgaba só 10 minutos nos spots eleitorais gratuítos. Destarte, a formación de Rosa Díez presenta agora un recurso contra o plano de cobertura da CRTVG, aprobado a pasada terza feira, e pide a exclusión do BNG da cobertura informativa de campaña nos telexornais, co argumento de que o BNG, a efeitos destas eleccións, non é formación parlamentaria.

UPyD fai abstracción de dous feitos: primeiro, que o BGN si obtivo representación no Parlamento europeu, como o mostra o feito de Ana Miranda ter sido eurodeputada na pasada lexislatura; dous, que o BNG posúe un grupo parlamentar no Parlamento de Galiza e que o marco de referencia da CRTVG debe ser, e foino historicamente, Galiza e non o Estado español.

"O españolismo está dos nervos e non nos quere ver en campaña", di Bieito Lobeira

O partido españolista considera que a TVG e RG só debería cubrir a actividade de campaña de PP, PSOE, AGE e tamén a deles propios.

O BNG apresentou xa alegacións a este recurso de UpyD. "Está claro que o españolismo está dos nervos e non nos quere ver en campaña", afirmou Bieito Lobeira, director de campaña do BNG, en declaracións a Sermos Galiza.

103 mil votos face 15 mil

Nas súas alegacións, o BNG aduce que a CRTVG debe ter en consideración exclusivamente o criterio dos resultados obtidos por cada unha das forzas políticas no ámbito de difusión do seu sinal, isto é, no territorio de Galiza.

En 2009, o BNG obtivo en Galiza 103 mil votos, face os apenas 15 mil da candidatura españolista de UpyD.

Segundo puido saber Sermos Galiza, a Xunta Eleitoral Provincial resolverá o recurso de UPyD a próxima segunda feira. Para terza feira, agárdase o ditame da Xunta Eleitoral Central ao recurso interposto polo BNG contra o acordo da XEP que lle outorga o mesmo tempo nos spots gratuítos que a formacións políticas que non obtiveron representación hai 5 anos.

A última hora da tarde, o Bloque fixo público un comunicado no que utillizou a retranca para cargar contra UPyD. Di así: "O BNG comunica á cidadanía que Ana Miranda, cabeza de lista ás europeas do 25M, é unha creación ficticia desta organización, un produto de mercado na procura dun rostro en que poder simbolizar as aspiracións do nacionalismo galego. Ana Miranda nunca estivo no Parlamento europeo en representación do BNG. Os centos de documentos, fotografías, vídeos, escritos que mostran a súa presenza na Eurocámara entre xaneiro de 2012 e xuño de 2013 son o resultado dunha manipulación masiva".

Comentarios