Esgótanse as horas e intensifícanse os contactos para a confluencia na esquerda

Na xornada de hoxe remata o prazo para rexistrar coalicións 
de cara ás eleccións galegas do 5 de abril. Anova, Podemos Galiza, En Marea e as mareas locais apuran os minutos que quedan. De fallar esta vía, En Marea é a única forza que dubida de se concorrer en solitario aos comicios. 
Eva Solla, Xulio Ferreiro, Luís Villares, Pablo Iglesias, Carmen Santos e Xosé Manuel Beiras en 2016 (Imaxe: En Marea).
photo_camera Eva Solla, Xulio Ferreiro, Luís Villares, Pablo Iglesias, Carmen Santos e Xosé Manuel Beiras en 2016 (Imaxe: En Marea).

23:59 horas. É o límite que teñen Podemos Galiza, Anova, En Marea e as mareas municipalistas de rexistrar unha coalición de cara as eleccións galegas do 5 de abril. Ao longo do día de hoxe medrará a expectativa e botarán fume os teléfonos tratando de alcanzar un acordo que de chegar, farao no último minuto.

Nada novo que engadir foi a resposta xeral dos distintos partidos onte cando foron cuestionados polo avance das negociacións, antes de que cada un se reunise para limar as posturas que defenderán hoxe. Onte, ás 20 horas, rematou o proceso participativo aberto por Podemos Galiza para que as súas inscritas votasen a fórmula para concorrer ás eleccións do 5 de abril: en solitario ou baixo o paraugas dunha coalición. Un procedemento obrigatorio recollido nos seus estatutos.

Fontes do partido morado explicaron a Nós Diario que na pregunta non se nomeaban explicitamente os partidos cos que artellar o espazo de Galiza en Común, mais que se comprende que englobarían Anova, En Marea, Esquerda Unida ou as mareas municipalistas. Nos últimos días, os contactos entre Anova, a través do ex alcalde de Compostela e Teo Martiño Noriega, e Antón Gómez-Reino intensificáronse.

O voceiro de Anova, Antón Sánchez, xa avanzou nunha publicación nas súas redes sociais a súa disposición a facerse a un lado. "Se o prezo dun bo acordo para derrotar a dereita é quedar fóra dunha lista, pagareino con moito gusto", afirmou. A diferenza do que aconteceu nas últimas eleccións estatais, nas que Anova decidiu non presentarse e ceder o seu capital de votos a outras forzas, o partido asegurou a súa presenza nas galegas e asegurou que non se van "silenciar".

Pola banda de En Marea, tras a marcha de Luís Villares, aseguran que continúan tendendo a man a unha posíbel coalición e que "esgotarán os tempos" até a mesma fin de hoxe, data límite para rexistrala. En caso de que a vía da confluencia remate truncada, o consello das mareas, que se reunirá hoxe ou mañá, deberá tomar a decisión de se concorre en solitario e a posíbel configuración das súas listas.

As mareas locais fixeron un chamamento á "unidade" da esquerda galega. Fica comprobar, co cronómetro en mínimos, se os partidos logran o consenso. 

Comentarios