As eleccións a ollos de… Lucía Barros (Esculca)

Esculca afronta con “preocupación” as eleccións xerais

A presidenta de Esculca, o Observatorio galego para a defensa dos dereitos e liberdades, Lucía Barros, sinala que a entidade afronta “con preocupación” as eleccións do 28 de abril “polas serias limitacións impostas nos últimos tempos no Reino de España ao exercicio de dereitos recoñecidos na constitución española”.

policia
photo_camera Esculca afronta con “preocupación” as eleccións xerais

Con preocupación. Así ve a presidenta de Esculca, Lucía Barros, as eleccións xerais do 28 de abril. Esa preocupación, explica, débese tanto ás “serias limitacións impostas nos últimos tempos no Reino de España ao exercicio de dereitos recoñecidos na constitución española” como á “ausencia de medidas para pór fin ás graves vulneracións de que son obxecto outros dereitos, malia as críticas que organismos internacionais de dereitos humanos e colectivos de defensa de dereitos fundamentais e liberdades públicas levan anos formulando aos sucesivos gobernos”.

O pasado 3 de abril, sinala Barros, “dirixímonos ás candidaturas que apresentan lista nas circunscricións galegas para facer chegar un catálogo de propostas en que recollemos aquelas reclamacións que consideramos imperioso atender no mais breve prazo posíbel”.

A presidenta de Esculca pon tarefas ás deputadas e deputados galegos. Entre elas, as modificacións nas leis que afectan aos dereitos de reunión e manifestación, como a derrogación da lei de seguranza cidadá e a revisión en profundidade das políticas penitenciarias coa derrogación do réxime fechado.

Fin da dispersión carceraria

A fin da política de cumprimento de condena en cárceres afastados do lugar do residencia, a integración da sanidade penitenciaria no sistema nacional de saúde ou o dereito das persoas menores de idade con responsabilidades penais a un tratamento adecuado á súa condición son outras das medidas que traslada Lucía Barros.

Esculca urxe a revisión da lexislación “que obstaculiza a separación do Estado e as institucións relixiosas e da que ampara tratamento discriminatorio ás persoas migrantes”. “O novo parlamento deberá adoptar cantas medidas foren precisas para asegurar o exercicio de dereitos básicos como os dereitos de expresión, reunión e manifestación, o dereito a non ser obxecto de tortura, o dereito a asilo ou o dereito á saúde”, engade.

Unha campaña con actitudes racistas e punitivas

A respecto da campaña electoral, Lucía Barros observa con preocupación “o aumento de actitudes e discursos racistas e punitivos”. “A dereita parece competir na súa radicalidade cunha dialéctica que seguro foi reforzada polos ataques aos dereitos fundamentais dos últimos anos”, indica.

“Se ben é certo que neste campo o Estado español nunca gozou de moita saúde, o inicio das medidas represivas en Catalunya que, desde o Estado, converten en delito o exercicio de dereitos fundamentais e atentan contra toda a poboación, o estabelecemento da prisión permanente revisábel, a utilización de mecanismos de denuncias anónimas no cadro do programa Stop Radicalismos, ou os cada vez máis habituais ataques á liberdade de expresión abren o camiño a novas ameazas aos dereitos de toda a cidadanía, mesmo a aqueles que aínda cremos consolidados e arman a quen quere reforzar os mecanismos represivos”, salienta a presidenta de Esculca, que quere situar a defensa dos dereitos civís “nun dos principais obxectivos da próxima lexislatura”.

Comentarios