O escrutinio confirma que Baltar só gobernará se consegue o apoio de Cs

Situación inédita durante o réxime baltariano: o PPdeG perde a maioría absoluta na Deputación de Ourense. Confirmouse definitivamente ao concluír o escrutinio oficial, xa cos votos do CERA contados, na mañá desta cuarta feira. Baltar poderá gobernar a corporación se consegue, cousa probábel, sumar o apoio do único deputado de Cs, que se estrea sendo decisivo nesta institución.

Manuel Baltar-Ourense
photo_camera Manuel Baltar-Ourense

12 escanos para o PP. 9 para o PSOE. 2 para Democracia Ourensá. 1 para o BNG. 1 para Ciudadanos. Así fica finalmente constituída a nova corporación provincial após os resultados do 26M.

O PP fica así por tanto a un escano da maioría absoluta, o que obriga Baltar a tentar un acordo con Ciudadanos para a dereita manter así o control da institución.

En declaracións a Sermos Galiza, Laureano Bermejo, secretario de Organización de Cs, deixou claro que a formación laranxa non se fecha ao acordo. Dixo estar aberto a falar con todas as formacións, o que naturalmente inclúe a maioritaria na corporación provincial ourensá.

Xogada distinta no taboleiro é a que tenta despregar Democracia Ourensá, que esta terza feira propuña unha solución tetrapartita —DO, PSOE, BNG e Cs— para desaloxar Baltar da Deputación, manobra de moi improbábel, por non dicir imposíbel, materialización.

Comentarios