Escolas infantís e centros de día non abrirán até setembro

A pesar das présas que a Xunta quere dar ao desconfinamento e de terse postulado a prol de reabrir as escolas infantís, o criterio destes centros e de pediatras impúxose e, finalmente, o Goberno galego decidiu non abrir estas escolas até setembro.
Reunión do Consello da Xunta (Imaxe: Xunta da Galiza)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta (Imaxe: Xunta da Galiza)

Finalmente, o Goberno galego dá marcha atrás na súa acelerada volta á normalidade e decidiu non abrir as escolas infantís até o vindeiro curso, cando chegue setembro. Así o anunciou o presidente Alberto Núñez Feixoo esta sexta feira, 29 de maio, após a reunión do Consello da Xunta.

Precisamente, na segunda feira, as escolas trasladaron á Xunta un consenso respecto desta cuestión: sería precipitado abrir agora, en pleno proceso de relaxación das restricións de mobilidade e de observación da evolución do coronavirus.

Feixoo amosárase a prol de reabrilas, alegando que “pediatras galegos” así o recomendaban. Porén, nin daquela nin na rolda de prensa desta sexta especificou a que pediatras concretas ou entidades profesionais se refería. Tal e como recoñeceu, quen si desaconsellou reabrilas foi a Sociedade Española de Pediatría.

A decisión da Xunta tomouse, dixo o presidente, “ante as dúbidas dos colexios de pediatría e o feito de que non podamos garantir a seguridade entre as crianzas de 0 a 3 anos cando operan coas súas coidadoras”.

Tampouco abrirán por non poder garantir a distancia na atención os centros de dia de maiores e os centros ocupacionais.

O Consello aprobou un paquete de axudas destinadas á contratación de coidadoras para as familias que teñan usuarias de escolas e centros de día nas súas casas e non poidan teletraballar. Así, nunha vivenda monoparental onde a proxenitora non poida traballar desde a casa ou nunha vivenda onde haxa dúas proxenitoras e as dúas teñan que acudir presencialmente ao seu posto laboral, poderán recibir 500 euros ao mes para contratar unha coidadora sempre que teñan crianzas menores de 12 anos e contrataran a coidadora a partir do 13 de marzo ou vaian contratala antes do 1 de setembro.

Outro requirimento é non superar 806 euros por cada membro da familia ou 2.000 de ser monoparental.

Igualmente, as familias que contrataran unha coidadora desde o 13 de marzo ou contraten desde agora até o 1 de setembro, sempre que teñan unha persoa dependente que acudira a centros de día e agora non o poda facer por non abriren, terán dereito tamén a 500 euros e poderase aboar parte do custo de rehabilitación, de precisárena.

Feixoo non soubo responder se os 500 euros serán brutos ou netos.

A Xunta aproba o protocolo para votar o 12-X

O Consello da Xunta aprobou o protocolo para votar nas eleccións galegas do 12 de xullo. Após a reunión decorrida esta sexta feira, 29 de maio, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, remarcou as medidas que contempla o seu plan como é o uso obrigatorio de máscaras para electoras e electores así como para membros das mesa. Poderanse levar postas da casa ou collela no propio colexio, pois estarán dispoñíbeis nestes centros para todas as persoas.

Así mesmo, tamén haberá nos accesos xel para lavar as mans. As e os membros da mesa terán tamén ao seu dispor pantallas.

Recoméndase garantir a distancia de dous metros entre todas as persoas, mais a Xunta prevé que isto non será posíbel en moitos casos, así que formula manter mínimo un metro. Feixoo non lle ve risco a isto “dado que a máscara será obrigatoria”.

O acceso aos colexios será individual excepto para as persoas que precisen apoio. As maiores de 65 anos terán preferencia para non agardar. O presidente anunciou ademais a posta en marcha dun equipo de 130 persoas “para velar pola seguridade”.

Voto por correo

O Goberno galego recomenda exercer o voto por correo e onte mesmo a Xunta Electoral Central (XEC) aceptou parcialmente as propostas da Xunta, permitindo que a solicitude do voto por correo se poida facer de forma telemática a través da web de correos mediante a sinatura electrónica, polo que non fai falla ir á oficina para solicitalo. O ditame da XEC tamén posibilita a recollida do voto no domicilio polas carteiras e carteiros no momento en que entreguen a documentación para o voto.

O Consello da Xunta aprobou tamén un manual para as e os membros das mesas electorais e estará enviado aos concellos o 13 de xuño, data a partir da cal comeza o sorteo para ditaminar quen ocupará as mesas. A Xunta recomenda ás persoas maiores e vulnerábeis á COVID-19 que pidan non seren membros das mesas de tocarlles no sorteo.

Homenaxe

En relación co coronavirus, o presidente da Xunta anunciou a intención de realizar un acto o vindeiro sábado 13 de xuño de homenaxe ás vítimas e as súas familias.

Alcoa

Sobre o anuncio da empresa de Alcoa en San Cibrao de despedir 534 traballadoras e traballadores, Núñez Feixoo non asumiu responsabilidades e sinalou unicamente as do Goberno do Estado por non ter rebaixado o prezo da tarifa eléctrica para as factorías electrointensivas.

Preguntado o presidente por Nós Diario sobre a súa opinión ante o feito de que a totalidade dos sindicatos presentes no comité de empresa pedise a intervención pública ao Estado de Alcoa, Feixoo sinalou que ningunha empresa pública nin privada que fabrique aluminio primario no Estado será viábel se non hai un bono eléctrico. Hoxe mesmo coñecíase que a Generalitat de Catalunya está a estudar nacionalizar a planta de Nissan, que anunciou o seu feche o mesmo día que Alcoa deu a coñecer a súa intención de despedir. Porén, o Goberno galego aínda non moveu ficha e pon os balóns unicamente no tellado do Estado.

Comentarios