Os escanos de Nós en Pontevedra e A Coruña serían a custa do PP e PSdeG

Segundo distintas fontes consultadas por Sermos, Nós Candidatura Galega dispútase dous escanos co bipartidismo clásico, o do PP-PSOE.

Nós_CandidaturaGalega_programa
photo_camera Candidatas de Nós na apresentación do programa

A batalla eleitoral está xa no sprint final e os técnicos demoscópicos traballan a marchas forzadas para faceren unha composición de lugar o máis fidedigna posíbel, de modo a axustaren a táctica nestas horas decisivas, na procura do maior número de apoios cidadáns.

Os inquéritos non foron en xeral moi favorábeis para Nós Candidatura Galega, mais tamén hai unha explicación demoscópica para este fenómeno. Primeiro, o facto de o nacionalismo galego concorrer a este proceso eleitoral cunha marca nova dificulta a predición do resultado. Segundo, algúns dos inquéritos publicados, e nomeadamente o do CIS, fixéronse sobre un traballo de campo realizado antes mesmo de que a sociedade galega tivese escoitado por vez primeira o nome de Nós Candidatura Galega.

Segundo puido saber Sermos Galiza, Nós Candidatura Galega estaría en condicións de reeditar o resultado de 2011 acadado polo Bloque Nacionalista Galego: un escano por Pontevedra e outro por A Coruña.

A disputa en Pontevedra

En Pontevedra a pugna sería co Partido Popular. Ese asento no Congreso sería ou o primeiro e único de Nós ou o terceiro do PP. A repartición de actas (7) nesta provincia sería ou ben a) PP 2, PSOE 2, En Marea 1, Ciudadanos 1, Nós 1 ou ben PP 3, PSOE, 2, En Marea 1, Ciudadanos, 1, Nós 0.

Os técnicos demoscópicos estiman que o limiar de representación [o mínimo para conseguir un asento no Congreso] en Pontevedra estaría no 9,5% do voto. A chave para Nós é non ser triplicado polo PP, Dese xeito, conseguiría o escano en disputa, sempre que a terceira forza -segundo os inquéritos o probábel é que sexa En Marea- non duplique a coligazón formada por BNG, PCPG, FOGA, PG e Coalición Galega. En todo caso, e dadas as proxeccións que se manexan neste momento, o cenario máis probábel é o da pugna polo escano entre PP e Nós.

Previsión na Coruña

Canto á Coruña, a previsión é que a primeira praza sexa para o PP -3 escanos- e a segunda para En Marea, con 2 actas. A disputa aquí estaría entre o segundo escano da terceira forza -en teoría o PSdeG- e o primeiro escano da quinta forza, presumibelmente Nós Candidatura Galega. O asento sería para o nacionalismo galego sempre e cando o PSOE non duplique a Nós. Os dous cenarios de repartición de escanos máis probábeis serían pois estes: a) PP 3 En Marea 2 PSdeG 1 Ciudadanos 1 Nós 1 ou b) PP 3 En Marea 2 PSdeG 2 Ciudanos 1 Nós 0. A pugna aquí estaría entre o PSOE e Nós.

A Coruña elexe 8 deputadas/os, 1 máis que Pontevedra. Isto reduz o limiar de representación e colócao entre o 8,5 e o 9,5%. Aliás, para garantir a acta, todo indica que se debería estar máis perto do 9,5% do que do 8,5%.

A tendencia á baixa de Ciudadanos

Estas previsións realízanse sobre a base dos inquéritos publicados -algunha forza, o PP, está a realizar na última semana traballos demoscópicos na sombra, os célebres trackings- e parten da tese de que Ciudadanos estaría por diante de Nós, mais o certo é que a tendencia nos últimos días da marca de Rivera é á baixa, co cal non sería desbotábel que a coligazón nucleada arredor do BNG puidese superar finalmente a este partido da dereita españolista. Sendo cuarta forza, as opcións de entrar no reparto de escanos serían moito maiores.

Canto a Lugo e Ourense, o panorama é abondo máis complexo para Nós, sendo que aí as hipóteses de obter representación cínxense as forzas políticas que ocupen as tres primeiras prazas en disputa.

Comentarios