Escándalo Someso: O xulgado investiga se Paco Vázquez deu trato de favor a Fontenla

A xuíz abriu dilixencias penais e quere saber se o ex-alcalde da Coruña “ten ou tivo” participación en Iglevaz, firma fundada polo presidente da patronal galega, beneficiario na urbanización de Someso

Someso

O escándalo Someso -a expropriación de terreos na entrada da Coruña para a construción dun campo de fútbol que nunca chegou a se realizar, solares sobre os que se acabaría edificando un centro comercial e vivendas- supuxo perdas para o patrimonio municipal da volta dos 40 millóns de euros. Entre os beneficiarios da pelotada urbanística áchase o empresario da construción e líder da patronal galega, Antonio Fontenla, na época de Francisco Vázquez como alcalde da cidade. Un informe elaborado por dúas funcionarias do concello determinaba con absoluta clareza que o ex-rexedor fora quen supervisara de forma directa o asunto.

O escándalo chegou aos xulgados e o Tribunal de Contas. E a titular do Xulgado de Instrución número 3 da cidade herculina ordenou a apertura de dilixencias penais coa finalidade de determinar a relación entre Vázquez e Fontenla no que atinxe a Someso.

Participación

Así, e segundo informan desde La Voz de Galicia, a xuíz, require a Iglevaz SL; se o ex-alcalde “ten ou tivo” participación nesa firma, que naceu en 1998 da man de Antonio Fontenla (e que en 2002 foi transferida a familiares de Francisco Vázquez)

A maxistrada tamén se dirixiu ao Concello de Coruña para que se lle informe do acordo do 21 de outubro de 2004 no que se adxudicaron os terreos municipais de forma directa á Xunta de compensación, que estaba presidida por Fontenla.

Pérez Lema, avogado do denunciante, considera que puido darse “trato de favor”.

Comentarios