Errejón propón que calquera fusión de Podemos con outra forza se aprobe por maioría cualificada

O que subxace a esta proposta é a oposición do errejonismo á constitución dun novo suxeito político con Esquerda Unida. Carolina Bescansa, que amaga cunha terceira vía, pensa que a proposta se refere tamén ás alianzas territoriais en Galiza e Catalunya.

Errejón, Pablo Iglesias, Carolina Bescansa. Vistalegre 1.
photo_camera Errejón, Iglesias e Bescansa, durante Vistalegre I

O debate subxacente en curso entre a liña Errejón e a de Iglesias ten a ver coa política de alianzas e, en concreto, coa relación con Esquerda Unida. Aquel opta por manter o actual modelo de coligación, en tanto que o secretario xeral aspira á fusión coa plataforma hexemonizada polo PCE. Errejón tenciona unha formación máis centrada e transversal -por entendernos, lixeiramente á esquerda do PSOE, e aí non cabe estreitar aínda máis os lazos con Izquierda Unida-, Iglesias aspira a pelexar pola hexemonía da esquerda desde posicións máis ortodoxas. Errejón ten máis na cabeza gobernar xa, Iglesias entende que a primeira tarefa é desprazar o PSOE como forza hexemónica da esquerda e que o asalto ao poder pode esperar.

O errejonismo comparece en Vistalegre II, o segundo congreso estatal da formación morada a se realizar os próximos días 10, 11 e 12 de febreiro, baixo a marca Recuperemos a Ilusión. A corrente apresentou xa os seus documentos político e organizativo. Neste último destacan propostan dirixidas a restar poderes á figura do secretario xeral. Cumpre lembrar a este respeito que Errejón cuestiona a liña política de Iglesias, mais non a Iglesias como líder. Dito doutro xeito, o errejonismo aspira a que Iglesias xestione non o seu proxecto, senón o dos críticos. Iglesias xa ten dito que se a súa liña política é derrotada el non continuará como secretario xeral.

Como pretende controlar Errejón o secretario xeral?

Basicamente cortando as súas competencias. Primeiro quer impedirlle que continúe a convocar referendos entre a militancia, como os que organizou para sancionar o non apoio a Pedro Sánchez na investidura ou o sistema de votación para Vistalegre II. Segundo quer estabelecer maiorías altamente cualificadas -os dous terzos- para a toma de decisións estratéxicas, entre elas "a disolución do partido, a modificación do seu nome, composición, ámbito, natureza e calquer proceso de fusión orgánica con outras forzas políticas".

Errejón propón que Iglesias só pode continuar os próximos 6 anos ao fronte da secretaría xeral

Se esta proposta prosperar, o errejonismo -que na última consulta entre o censo de persoas inscritas alcanzou o 39 por cento dos apoios- tería na práctica dereito de veto contra a fusión de Podemos con IU ou con En Marea ou co partido que prepara Ada Colau en Catalunya.

Hai máis. Errejón quer o secretario xeral de Podemos teña mandatos de no máximo tres anos e que non poda estar no cargo máis de dous períodos. Ou sexa, acotaría a 6 anos o poder orgánico de Iglesias. A maioría cualificada tamén rexería para a proposta da Executiva que realice o secretario xeral. Tería de obter os dous terzos no Consello Cidadán. De non os conseguir, este órgao podería realizar unha proposta de dirección.

Recuperemos a Ilusión tenciona descentralizar Podemos e que sexan os níveis locais e territoriais do partido -e non os órgaos estatais- os que teñan faculdades para sancionar os acordos pre ou post-eleitorais con outras forzas políticas.

Iglesias na gaiola

Non demorou o secretario de Organización, Pablo Echenique, en clamar contra o que entende excesiva obsesión por atar Pablo Iglesias. "Cun Pablo Iglesias fechado nunha gaiola, Podemos sería menos forte", dixo, o que non quita para que este dirixente, aliñado coa candidatura oficial, considere interesante avanzar na limitación de mandatos por ser unha medida democratizadora.
 

Comentarios