Mitin central coa ausencia de Beiras

Errejón, na Coruña, ao PSOE: “Haberá que facer un goberno e terá que escoitar a xente”

Os Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, foron o escenario do mitin central de En Marea, ao que asistiron membros destacados de Unidos Podemos, como Íñigo Errejón e Alberto Garzón, amais da dirixente de Compromís Mónica Oltra. Chamou a atención a ausencia de Xosé Manuel Beiras.

marea
photo_camera [Imaxe: En Marea]

A Coruña acolleu o mitin central de En Marea na Coruña, un acto público ao que asistiron líderes de Unidos Podemos como Íñigo Errejón e Alberto Garzón, así como Mónica Oltra. Tamén tomaron parte Antón Gómez-Reino (Podemos), número 1 pola Coruña; Yolanda Díaz (EU), número 2 pola Coruña; Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña; Carmen Santos, secretaria de Podemos en Galiza; e Antón Sánchez (Anova), coportavoz de AGE no Parlamento. Chamou a atención a ausencia neste mitin central de Xosé Manuel Beiras, que preferiu asistir ao acto público que En Marea convocara en Salceda de Caselas.

Íñigo Errejón, pola súa banda, chamou a fuxir das indefinicións, “non entramos nas mentiras de Ciudadanos, xa que despois do 26 de xuño van ser irrelevantes”. E a respeito do PSOE apuntou: “Dicímoslle que haberá que facer un goberno e que escoite a xente, se vai estar co pasado ou futuro, e para iso non se pode botar unha moeda ao aire”.

Alberto Garzón destacou que “non pode gobernar unha organización que só serve para delinquir legal e ilegalmente” e anunciou que “de gañarmos as eleccións, entre todas as medidas que temos que poñer en marcha poderíamos entender que a primeira fose paralizar os desafiuzamentos de primeira vivenda”.

Gómez Reino asegurou na súa intervención que o 26 de xuño “imos conseguir por fin o goberno do cambio de transformación. O tempo da austeridade e do medo rematou, do plasma de Rajoy, do narcopresidente Feijóo”.

A coordinadora nacional de EU apuntou que para estas eleccións “só hai dúas posibilidades”. Enfrontou así “o goberno da corrupción” cos que “queremos defender a xente e queremos derrogar as dúas reformas laborais, ao do PP e tamén PSOE”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou o traballo que xa están a desenvolver as candidaturas municipalistas nos Concellos, mentres que Mónica Oltra incidiu en que “logramos sacar de Valencia Rita Barberá, Cotino, Fabra… Dicían que non poderiamos pero mandámolos para a casa e agora para a cadea, un a un. Fixemos un pequeno milagre. O 26 de xuño temos que rematar a faena”.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, amosouse convencida de “gañar no Estado e na Xunta”. “Porque a xente de Galiza é loitadora, progresista e libre e por iso votarán polo cambio”.

O coordinador nacional de Anova e viceportavoz de AGE, Antón Sánchez, abriu o acto poñendo En Marea no centro do seu discurso como “ferramenta transformadora en Galiza”, unha ferramenta que “debe de ser o que decidan os galegos e galegas”.

Comentarios