ENTREVISTA NA SER

Errejón cre que o BNG “non quer estar” nunha candidatura con Podemos para as xerais

O dirixente de Podemos afirma que en Galiza “están en marcha” conversas do seu partido con outros axentes para artellar unha lista para os comicios e afirma “estar disposto a falar con todo o mundo”.

Errejon
photo_camera Errejón durante a entrevista [Imaxe: Cadena Ser]

Íñigo Errejón afirmou esta terza feira nunha entrevista na Cadena Ser que na Galiza “están en marcha” contactos e conversas entre o seu partido e outros actores políticos para intentar callar unha candidatura cara ás eleccións xerais. Unhas conversas nas que, dixo, tentan “encaixar unha candidatura gañadora a nivel de Estado” -en referencia a Podemos- co “respecto” á dinámica propia galega. Neste punto, o entrevistador preguntoulle específicamente sobre o BNG, ao que o dirixente da formación podemita respondeu: “creo que o BNG non quer estar aí”. O xornalista insistiu e entón Errejón dixo que están “dispostos a falar con todo o mundo” en torno a unha opción polo cambio que supoña defender a xente e os seus dereitos.

Marca propia e federalismo-confederalismo

Na entrevista Iñigo Errejón tamén descartou unha confluencia con IU cara ás xerais e teimou en que Podemos concorrería con esta marca porque é a que se identifica como o cambio necesario. Defendeu que a súa sigla podía ir acompañada nalgúns territorios doutra, en referencia a Valencia, onde nos últimos días cobra forza a liña que fala cun pacto con Compromís para as xerais.

O dirixente de Podemos defendeu o dereito dos e das catalás a decidir o seu futuro, mesmo a independencia, mais considera que esa opción non é a máis acaída e avoga por un Estado español artellado en torno á “plurinacionalidade”. "Para seducir as distintas nacionalidades do noso estado, hai que buscar fórmulas federais ou confederais".

Comentarios