Errejón pon en dúbida a continuidade da alianza entre IU e Podemos

Defende revisar aquelas confluencias que non funcionen electoralmente e "avaliar cun pouco máis de coidado" a coligazón con IU a nivel estatal porque, dixo, "non parece ter funcionado" o 26-X. 

igo Errejón_Podemos
photo_camera Errejón [Imaxe Podemos]

O número dous de Podemos, Íñigo Errejón, asegurou esta cuarta feira (29 de xuño) nunha entrevista en Los desayunos de TVE que a coligazón con Izquierda Unida a nivel estatal nos comicios do 26-X "non parece ter funcionado" e mesmo apuntou esta como unha das causas de teren perdido apoios a respeito das eleccións do 20-D. 

"Creo que hai confluencias que funcionan e outras que haberá que revisar en cada caso cando son úteis e cando non"

"Certamente, semella que perdimos votos por iso --alianza con IU-- mais non creo que sexa a única causa", sinalou. "Habería que avaliar cun pouco máis de coidado" esa decisión, acrecentou, "e sabendo que en política 2 máis 2 non son 4 e neste caso 2 máis 2 non foron catro". Desta maneira, Errejón pon en dúbida o mantemento da coligazón nun futuro embora asegurar que será unha "decisión colectiva" a adoptar polos órgaos de Podemos. Entende que a alianza con IU os encaixa en "etiquetas máis estreitas" que impiden "patear o taboleiro" electoral aproximando electorado doutras tradicións políticas ao seu proxecto, un obxectivo que, di, continúa a ser a súa "folla de rota". "Sobre o eixo esquerda-dereita é máis difícil construír unha maioría nova", apuntou. 

"Sobre o eixo esquerda-dereita é máis difícil construír unha maioría nova"

As palabras do eleito deputado por Madrid acentúan as discrepancias no seo da dirección do partido a respeito do acontecido nas eleccións do pasado domingo e tamén na estratexia a seguir nun futuro no que tamén pon en cuestión o mantemento doutras "confluencias" que non teñan funcionado electoralmente como si acontece en Catalunya onde En Comú Podem se mantivo como primeira forza política o 26-X ou no País Valenciá onde foron a segunda por detrás do Partido Popular. 

"Creo que hai confluencias que funcionan e outras que haberá que revisar en cada caso cando son úteis e cando non", dixo. 

Comentarios