ERC, JxCat, EH Bildu, CUP, BNG e Més por Mallorca: “Estamos dispostos a contribuír para desatascar a situación de colapso”

As formacións asinantes da ‘Declaración da Llotja de Mar’ emprazan a maioría de goberno que “queren articular PSOE e UP” a “asumir a súa responsabilidade” en camiñar cara a un “verdadeiro estado democrático” de xustiza e liberdade que recoñeza o dereito de autodeterminación.

Rego (BNG) con epresentantes de forzas soberanistas vascas e catalás (cedida)
photo_camera Deputados e deputadas soberanistas diante do Congreso (cedida)

O soberanismo  asinante da ‘Declaración da Llotja de Mar’, documento que demanda vías de diálogo do Estado coas nacións, representa 29 deputados e deputadas no Congreso e 21 senadores e senadoras. Sería a quinta forza en peso na Cámara Baixa. Estas formación (ERC, Junts per Catalunya, EH Bildu, CUP, BNG e Més por Mallorca) sitúan o recoñecemento das súas nación como una chave que abra a porta a camiñar cara a un Estado español “verdadeiramente democrático”, un escenario de “xustiza social, de igualdade e respecto”.

Así o manifestan nun escrito, ‘Da Llotja de Mar a Madrid, en defensa da democracia e a soberanía’, no que sinalan que son conscientes “de que nos corresponde actuar politicamente e formular propostas, puxémonos de acordo nun marco común de mínimos, a partir do que habemos ser capaces de encontrar solucións satisfactorias”.

Piden un marco baseado, “no recoñecemento e respecto de dereitos fundamentais e democráticos”, como o da autodeterminación; “no cesamento de toda forma de represión; na articulación dunha solución política e democrática do conflito que os nosos pobos manteñen no seo do Estado español”, entre outras cuestións.

Sentar e falar

Estas seis organizacións políticas móstranse dispostas “ a contribuír para desatascar a situación de colapso e regresión democrática en que entrou o Estado español”. Propoñen “sentarse e falar. Que todos os actores políticos se poidan sentar, falar e negociar, sen condicións, e que se fale do recoñecemento nacional e, por tanto, do dereito á autodeterminación. Que se deteña a represión feroz que suplantou o diálogo e as solucións políticas e democráticas durante demasiado “.

É aí cando se dirixen á maioría que “se quer articular entre PSOE e UP” e que, din, “terá de liderar un cambio de era, terá de certificar a defunción do réxime do 78 e asumir a súa responsabilidade en construír un verdadeiro estado democrático, de xustiza social, de igualdade e respecto, o que só será posíbel se cesa a represión, rompe cos vínculos do pasado aínda existentes e recoñece tanto o seu carácter plurinacional como o dereito de autodeterminación".

Comentarios