“Era unha obriga inescusábel”: o Parlamento entrega a súa medalla á Xeración das Irmandades

O titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, afirma que a actual autonomía da Galiza actual é consecuencia da “semente galeguista espallada por moitos”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Núñez Feixoo e Miguel Santalices, no centro, cos representantes das fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Losada Diéguez e Vicente Risco (Foto: Parlamento)

Coincidindo coa data na que se celebran 40 anos da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galiza, o Pazo do Hórreo acolleu o acto de entrega das Medallas do Parlamento que nesta edición recaeron, por decisión unánime da Mesa da Cámara, na totalidade dos integrantes da Xeración das Irmandades, os seus discípulos e colaboradores.

As medallas, entregadas polos presidentes do Parlamento, Miguel Santalices, e da Xunta, Núñez Feixoo, foron recollidas polas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria de catro dos fundadores da revista Nós: Otero Pedrayo, Castelao, Losada Diéguez e Vicente Risco.

Miguel Santalices  explicou que “cando se fan 40 anos da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, homenaxear á Xeración Nós tórnase unha obriga inescusábel”.

Con esta distinción, dixo, o Parlamento quere recoñecer  o “cosmopolitismo, europeísmo e vangarda” que Nós achegou á cultura galega, “sempre coa lingua como bandeira, hai agora cen anos”.

“Uns e outros, desde Nós, espertaron e espallaron a semente galeguista que latía na cerna desta vella Gallaecia”, afirmou.

O presidente do Parlamento sinalou que os integrantes de Nós foron “auténticos heroes aos que debemos eterna gratitude por un sacrificio que apenas lles foi recoñecido en vida”. Recordou que “a guerra e a posguerra obrigaron a moitos dos colaboradores de Nós a pagaren un elevado prezo, nalgúns casos coas súas propias vidas”.

Comentarios