Un enviado especial de Pablo Iglesias supervisa o intento de pacificación en Podemos Galicia

Un armisticio político asinado sob o control directo de Madrid. Iso é o que se escenificou este sábado en Compostela coa constitución dunha Comisión de Consensos paritaria entre oficialistas e críticos.

photo_camera Carmen Santos

Unha das persoas da máis directa confianza de Pablo Iglesias -o membro da executiva estatal Pablo Fernández Alarcón- aterrou na Galiza para tentar pacificar o conflito interno en Podemos Galiza, con dous sectores enfrentados que chegaron a discutir sobre quen ten a lexitimidade para convocar o máximo órgao autonómico da formación morada.

O confronto produciu tanta inquietude na contorna de Pablo Iglesias que o secretario xeral optou por monotorizar desde Madrid unha solución de compromiso entre o sector de Carmen Santos -moi cuestionada non só no interior de Podemos, senón tamén en largos sectores de En Marea- e unha magmática oposición interna en que conflúen desde errejonistas -como Pancho Casal- até pablistas -como García Buitrón.

A constitución da Comisión de Consensos prodúcese xusto unha semana despois de que a maioría do Consello Cidadán Autonómico -18 sobre 35 membros- se reunise sen o concurso da secretaria xeral, unha xunta que este sábado Carmen Santos voltou a cualificar como “ilegal”.

O sector crítico -un integrante desta corrente dixo a Sermos “que se somos a maioría, realmente non seremos nós os críticos”- acusaba Santos de bloquear o normal funcionamento dos órgaos de goberno da formación.

A procura da saída a este conflito pasaría, por tanto, pola constitución desta Comisión de Consensos que foi apresentada este sábado en conferencia de imprensa por Carmen Santos, Pancho Casal, o secretario de Organización galego Juan Merlo e o enviado da dirección de Pablo Iglesias, Pablo Fernández Alarcón.

A decisión de criar a Comisión de Consensos foi adoptada por unanimidade, estará composta por seis persoas -tres por sector- e tería como obxectivo “a interpretación dos documentos [os aprobados en Vistalegre II] nas partes que son interpretábeis”.

En declaracións á imprensa, Santos admitiu que a dinámica interna está a impedir que Podemos Galicia poda falar “do noso verdadeiro traballo que nos ocupa a maior parte do tempo”. Así, fixo votos por “saír desta dinámica para falar do que de verdade dana os cidadáns, que non é como interpreta Podemos Galicia un artigo ou outro”.

Por súa parte, o comisionado de Pablo Iglesias para apagar o lume na organización galega dixo: “A sensación que teño é que existen acordos políticos claros e moitos malentendidos que teñen a ver con cuestións moi pequenas. Hai que traballar en pequenos grupos se se queren solucionar e o que vin é que existe a vontade clara de os solucionar”.

Comentarios