Entrevista a Guillerme Vázquez: “Nada de depresión, é tempo de se poñer en pé”

O portavoz nacional do BNG debulla a situación política actual tras os comicios do 21-O e como enfrontan desde o BNG os malos resultados colleitados. Vázquez amósase partidario de que o debate interno non vaia en detrimento da acción política e social do Bloque e reivindica que a fronte nacionalista "estivo como ninguén na trincheira dos intereses das clases populares galegas e da defensa da nación". Fronte o desánimo invoca con optimismo o compromiso transformador para lle facer fronte á crise.
Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG
photo_camera Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG


Guillerme Vázquez Vázquez (Pontevedra, 1952) recibe a Sermos Galiza na sede do BNG da súa cidade, a poucos metros do concello, cuxo goberno nacionalista pon de exemplo para a reacción que considera precisa para o Bloque. Poucos días após anunciar que deixará a portavocía da organización cando culmine o debate interno -nun proceso que rematará antes do verán-, Guillerme aposta pola discreción, mais salienta ideas entrementres asegura sentirse “ben no persoal, mais no político non especialmente contento polo mal resultado”.

A pesar do traballo feito polo BNG durante a crise, reciben un mal resultado.

"O BNG estivo como ninguén na trincheira dos intereses das clases populares galegas e da defensa da nación"

Un sempre pode ter a percepción de que non son xustos desde o punto de vista de que nestes últimos tempos, por non remontarnos máis, o BNG estivo como ninguén na trincheira dos intereses das clases populares galegas e da defensa da nación. Mais o problema non é ese, senón que o temos que facer é aceptar o resultado tal e como é, e a partir de aí converter a derrota en oportunidade.

Despois entraremos no caso concreto do BNG, mais cre que a nivel xeral si poden verse motivos para a esperanza, como por exemplo a importante caída en votos do PP?

Aceptando os resultados como son, e eu nunca criticarei a decisión da xente, quero transmitir unha idea: non é certo que os galegos e as galegas acabamos de apoiar as políticas letais da dereita dun modo masoquista. Houbo moita xente que se abstivo e, en termos absolutos, o PP baixou significativamente. Hai unha visión mesetaria, á cal eu non penso contribuír, segundo a cal somos un pobo raro que premia os seus opresores. Iso non é así.

Tras os resultados, unha tarefa urxente é evitar a “depresión”?

"Non é momento de rendición, estamos nunha inmensa crise social, económica e nacional, hai moita confusión na sociedade e nós teremos que mellorar"

Asumindo a realidade que hai, o que non podemos é poñernos a escoitar voces que nos queren levar a pensar que non paga a pena loitar por nada. Nesta ocasión penso que a militancia do BNG está respondendo ben, na liña do que analizamos no último Consello Nacional, sabedora de que hai moitos factores alleos que dificultan a boa imaxe da nosa forza política na sociedade, alén dos erros que cometemos, e agora cómpre intentar ver que podemos facer para mellorar o noso traballo social e a percepción do BNG como un instrumento útil para este país. O peor que se pode facer é caer nunha depresión que non vale para nada, e moito menos facerlle caso a esas voces que chaman a nos render. Non é momento de rendición, estamos nunha inmensa crise social, económica e nacional, hai moita confusión na sociedade e nós teremos que mellorar. Eu son dos que creo que o que hoxe é dunha maneira, mañá pode ser doutra. Teño moi presente a experiencia que tivemos aquí co goberno local de Pontevedra, que perdeu apoios dun xeito importante nunhas eleccións e xa se escoitaba a moitos dicir que non daban un peso polo BNG, mais catro anos despois non só recuperamos o perdido senón que aumentamos votos. Nada de depresión, é tempo de se poñer en pé.

Vén de anunciar que non volverá optar á portavocía nacional. Que motiva a decisión?

Eu primeiro agradezo moito as mostras de cariño que estou a recibir de moita xente. A decisión tómoa porque creo que é a mellor, e hai xente que a comparte e xente que non, mais na vida hai que tomar decisións. Porén na miña opinión, cando acabe este proceso de debate, novas caras deben estar á fronte do BNG. Eu só teño orgullo e agradecemento á xente do BNG que confiou en min. Intentei contribuír dentro das miñas posibilidades a iniciar un certo cambio de rumbo cara a unha política máis acorde coa actual realidade social e económica deste país, representando un colectivo. Todas as persoas son importantes, ningunha é imprescindíbel.

Antes de entrar nos problemas propios do BNG, como factores externos apuntáronse que a súa organización tivo que se enfrontar a cuestións como a hostilidade dos medios de comunicación ou unha sociedade cada vez máis españolizada.

Nunha sociedade tan mediatizada, non sei se é máis importante o que un é ou o que din que é. E o BNG non ten agora mesmo a mellor imaxe social, malia que tampouco hai que esquecer que tivemos decenas de milleiros de apoios, mais non temos a mellor imaxe social. Niso terán que ver os nosos desacertos, porque senón non entenderiamos nada nin saberiamos onde incidir para mellorar; mais o poder existe e traballa ao seu favor. Sendo conscientes de que iso existe, o máis importante é o outro, o que podemos facer nós para pelexar nese contexto. Aí é onde está o quid da cuestión.

O BNG padeceu os efectos da caricatura que fan del os seus inimigos?

Eu non vou descoñecer que desde hai tempo, non desde a XIII Asemblea, desde moito antes, transmitimos unha imaxe de división e desacordo que, tras a última asemblea, supuxo que xente que non aceptou o resultado, decidiu escindirse. Iso non axuda e foi convenientemente amplificado polos medios de comunicación. Eu non me queixo de que saian esas cousas, mais doe que só aparezan esas, as nosas propostas nunca. Hai moitas variábeis, mais teremos que nos esforzar en modificar o que nos corresponde.Debemos facer a diagnose máis acaída sobre o que é a sociedade galega actual, mais non no sentido de nos pregar e ir detrás do que pensa a maioría, senón en saber que demandan dunha forza política alternativa, como creo que debemos ser, e dar resposta a iso. Temos que nos esforzar en mellorar o que sexa, porque estamos nun debate sen límites nin tabús, e haberá que ver como podemos traballar máis na sociedade, facérmonos máis visíbeis dentro dun marco moi difícil, xa que temos dificultades para transmitir as nosas propostas nos medios, e iso non é meterme con ninguén, xa que cada quen é moi libre de facer o que queira.

É un dos grandes problemas do BNG o comunicativo?

Eu xa dou por sentado que teremos moitas cousas que mellorar. Mais eu non coñezo ningunha forza política que formulase tantas propostas alternativas como o BNG nestes últimos anos. Outra cousa é se iso é percibido pola sociedade, que ten dificultades para recibir o que dicimos, e pode chegar a pensar que non temos nada que ofrecer, cando si que o facemos. Feijóo estaba moi preocupado pola nosa radicalidade, que eu asumo no sentido de que aquí ou se vai á raíz dos problemas ou non hai que facer, e por iso creo que agora non podemos ser outra cousa que radicais. Mais insisto en que nós formulamos alternativas, non sei de ninguén que o fixese con maior intensidade, no xenérico e no concreto, mais a sociedade non o puido percibir. Eu aínda espero a que alguén fale de banca pública, como fixo o BNG. Que maior rebeldía hai que se negar á eliminación da paga de decembro do persoal público? Fixémolo. Outra cousa é que non o soubese case ninguén, porque, alén dos nosos propios erros, isto non só depende do que nós digamos, senón do que din de nós.

Faltoulle temperatura e rabia ao discurso do BNG?

"Debemos facer propostas, con espírito autocrítico, que non significa auto-destrutivo, para formular cuestións concretas con que mellorar as cousas"

Esas son o tipo de cousas que teremos que determinar agora, e onde todos e todas debemos facer propostas, con espírito autocrítico, que non significa auto-destrutivo, para formular cuestións concretas con que mellorar as cousas. Intentaremos, e creo que conseguiremos, transmitir mellor as nosas mensaxes, tamén nas formulacións que vostede di ou no que sexa.

Por exemplo, vostedes levaban aos distintos parlamentos demandas como as do 15-M, mais entre ese movemento e o BNG parecía existir unha fenda.

Hai cousas que o BNG levou aos parlamentos bastante antes de apareceren determinados movementos sociais, sexa ese que di ou outros que os había e os hai tamén moi interesante. Efectivamente, en moitos casos demandas deses sectores nós as transformabamos en iniciativas políticas, mais temos un problema de conexión, tamén porque se nós recollemos esas propostas, mais iso non sae en ningún sitio, pois non hai comunicación, non temos altofalantes para que a sociedade poida saber o que facemos e, despois, tamén o xulgar. Temos esa dificultade como algo obxectivo, mais con isto que non se entenda que quero botar balóns fóra.

Perante a invisibilidade dos medios, é tempo de volver á relación directa, coas novas redes mais tamén case co panfleto en man de novo?

Niso estamos desde hai moito tempo. A dimensión que lle podamos dar ás nosas ideas é froito dese traballo social, e iso é o que nos dá aínda o apoio de tantas persoas. Outra cousa é que poidamos mellorar nese terreo, mais levamos tempo, cando menos nesta última etapa, buscando o contacto directo, porque cremos que ten que ser así e tamén porque é a única vía real que temos para transmitir. Ese traballo social, que non sei se é o de volver á vietnamita, xa o estamos a facer, malia que se poida mellorar.

As alianzas co PSOE semella que están sendo moi penalizadas.

"Temos que acabar de nos situar nun contexto brutal que está a provocar unha sociedade diferente"

Eu defendo desde hai tempo que cada momento concreto precisa políticas concretas. Hai que analizar á luz das circunstancias concretas, como a cuestión de estar nun goberno ou non estar. A chave é actuar con formas axeitadas a unha situación absolutamente nova e tamén movediza. Temos que acabar de nos situar nun contexto brutal que está a provocar unha sociedade diferente, e aí nos teremos que situar. Despois dun resultado electoral hai que intentar entender o expresado, saber lelo. Os tempos mudaron e van mudar máis, e debemos actuar en consecuencia con este novo momento político.

Falando de alianzas, como encaran a nova realidade no Parlamento galego con catro grupos?

Hai unha realidade parlamentar. O BNG terá o seu grupo coa súa propia estratexia de oposición ás políticas do PP desde a defensa dun ideario, e despois coincidiremos ou non coas forzas que sexan sen maior trauma. Eu creo na normalidade, sen prexuízos nin antagonismos.

Coa xuntanza do Consello Nacional do pasado sábado encetaron un proceso de reflexión interna. Será moi longo?

"Necesitamos un debate de abaixo a arriba no cal temos que escoitar moito, non só a militancia, senón tamén os círculos máis achegados ao BNG"

O debate ten que ter un horizonte temporal, nin o rematar mañá, nin o alongar en exceso. Falamos de concluír antes do verán. Mais necesitamos un debate de abaixo a arriba no cal temos que escoitar moito, non só a militancia, senón tamén os círculos máis achegados ao BNG, para saber como ven eles os nosos problemas e as posíbeis solucións. Non o podemos demorar eternamente, mais ten que se facer con tranquilidade. E sen deixar de lado a acción social.

Acabará nun debate nominalista?

Sería un erro, xornalisticamente todo camiña nesa dirección, mais ese non é o debate. Primeiro temos que decidir que queremos ser e, despois, poñer as mellores persoas para levar a cabo ese novo proxecto, non á inversa.

A medio prazo é un obxectivo a reunificación do nacionalismo?

"Ao longo da historia do BNG quedou clara a súa vocación de ser a casa común de todo o nacionalismo galego"

Poñer datas é imposíbel. Ao longo da historia do BNG quedou clara a súa vocación de ser a casa común de todo o nacionalismo galego. Ás veces analizando os datos inmediatos esquecemos o pasado. Sempre fomos partidari@s da unidade do nacionalismo [pon énfase nesa palabra], unidade que non dependerá só da actuación do BNG, que si, mais tamén doutra xente que poida estar nese campo. Mais cos ritmos axeitados.

Polo momento recuperar esa unidade non parece unha tarefa doada.

Hai moitas fórmulas para camiñar na unidade de forzas ou de xentes que se sintan nacionalistas, como en plataformas e demais. Hai moitos maneiras que non necesariamente teñen que pasar pola confluencia orgánica, mais as cousas irán desenvolvéndose co tempo. Nós temos agora que fortalecer o BNG na súa acción social e buscar todas as fórmulas que axuden a aglutinar forzas na defensa de ideas fundamentais, como que Galiza é unha nación. Polo BNG non quedará.

Esta entrevista é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.


Comentarios