Entra en vigor a modificación de 62 millóns nos orzamentos de Ourense

A oposición lamenta que se aprobase "unha macromodificación en lote" dos orzamentos que "contén contías e proxectos de dubidosa viabilidade".
EuropaPress_2365819_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera O alcales de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Foto: Europa Press).

A modificación de orzamentos do Concello de Ourense por un importe superior aos 62 millóns de euros, que propuxera o actual rexedor, Gonzalo Pérez  Jacome (Democracia Ourensá), entra en vigor este 12 de agosto após ser publicada na cuarta feira no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O proxecto de modificación orzamentaria foi presentado polo alcalde no pleno do Concello de 9 de xuño. Saíu rexeitado, polo que a Alcaldía formulou unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos. Con cinco votos a favor, 14 en contra e sete abstencións foi rexeitada a cuestión de confianza e abriuse o prazo para a presentación de moción de censura cun candidato alternativo á Alcaldía. Rematado o prazo (o PP desbota a moción e volveu entrar no Goberno de Jácome), quedou aprobada a modificación orzamentaria.

Desde o PSdeG acusaron o rexedor de "instaurar unha ditadura" que " amordaza o pleno" para sacar adiante un "orzamento en  B". Afirmaron así que "os ditadores ditan leis sen Parlamento e Jácome aproba presupostos sen pleno", e reiteraron que non están de acordo con "gran parte do contido da modificación" por tratarse "en lote, sen participación dos grupos da oposición".

O BNG compareceu onte ante os medios para criticar a aprobación da modificación orzamentaria. O portavoz do grupo, Luís Seara, lamentou que se aprobe "unha macromodificación en lote" que "contén contías e proxectos de dubidosa viabilidade", que "non responden a unha urxente necesidade" e que, ademais, "dilapida boa parte do remanente".

Tamén criticaron "o silencio" do Partido Popular a quen acusou de estar "absolutamente entregado e submiso ás estratexias e actitudes de Jácome". 

Comentarios