ACEITA UN GRUPO PARLAMENTAR GALEGO, MAIS ALIADO CO DE PODEMOS

O enroque de Pablo Iglesias nas súas siglas dificulta o acordo con Anova e EU

Persisten as diferenzas entre os componentes partidarios que nuclearon as mareas nas municipais e Podemos, cara a unha hipotética confluencia nas xerais. O principal atranco, a insistencia de Pablo Iglesias en arrogarse o papel de principal referente do cambio político, simbolizado na defensa numantina das súas siglas.

Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras
photo_camera [FOTO: @anova_irmandade]


Sen novidades significativas no encontro entre Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras. O arsenal de propostas do líder emerxente xa foi revelado previamente á súa deslocación ao país nunha entrevista con La Voz de Galicia. Non parece que vaia ter moita máis marxe de manobra Iglesias. A súa principal concesión ao combo de Beiras, o nihil obstat á formación dun grupo parlamentario galego. “Distinto, pero non separado”, esclareceu o secretario xeral de Podemos na Coruña nun encontro coa imprensa posterior á reunión con Beiras. Un grupo parlamentar galego que, advogou, debería ter unha relación especial, vía protocolo de relacións escrito, co de Podemos, e no que eventualmente se poderían integrar tamén deputadas e deputados podemitas. No que estaría a pensar Pablo Iglesias é nun grupo parlamentar como o que tivo, até os primeiros anos 80 do pasado século, o PSC catalán, isto é, un grupo parlamentar formalmente independente, mais vinculado -aliado- a unha unidade superior, o que lideraría el propio.

 No que estaría a pensar Pablo Iglesias é nun grupo parlamentar como o que tivo, até os primeiros anos 80 do pasado século, o PSC catalán

En todo caso, hai unha liña de demarcación, máis ou menos vermella, que Iglesias non ousa tripar: as siglas da organización, a marca. Podemos quer ir como Podemos en todos os territorios do Estado, embora na Galiza si están dispostos a colar un engadido ao nome da súa organización. A marca é un símbolo, o de que Podemos é o principal suxeito e referente do cambio político. Desa ideia dificilmente se vai descolar Iglesias.

Declaracións aos meios

O proprio Pablo Iglesias admitiu, no encontro coa imprensa posterior á reunión con Beiras e Díaz, a existencia de "diferenzas" que tiñan a ver coa "fórmula eleitoral". Porén, o líder de Podemos enfatizou que "hai vontade de diálogo" e que "partillamos o diagnóstico e a necesidade de cambio".

Beiras, por súa parte, defendeu a tese de que o suxeito de cambio non deben ser as forzas políticas, senón a cidadanía, e mantivo o criterio de que é "perfeitamente articulábel" un suxeito político galego "cunha alternativa a nível de Estado".

O líder de Podemos mantivo tamén encontros cos alcaldes de Ferrol e A Coruña. E este sábado verase tamén co de Santiago. Entre Xulio Ferreiro e Jorge Suárez, o que máis se inclinou por unha alianza con Podemos foi o rexedor ferrolán, quen deixou esta frase: "É normal que Pablo Iglesias queira facer valer a súa marca, mais chegaremos a acordos".

Máis en POLÍTICA
Comentarios