As enquisas sinalan unha baixada das socialistas

A xestión da crise do coronavirus estalle pasando factura a Pedro Sánchez. As enquisas coñecidas nos últimos días adiantan un descenso na intención de voto do PSOE e unha perda de confianza no Goberno do Estado. A evolución da pandemia marca o futuro de Pedro Sánchez.

As enquisas sinalan unha baixada nas socialistas [Imaxe: Arquivo].
photo_camera As enquisas sinalan unha baixada nas socialistas [Imaxe: Arquivo].

As perspectivas electorais do PSOE non deixaron de empeorar nos últimos días. Malia tratarse dunha opinión cambiante e con grandes mudanzas dun día a outro, característica dunha situación social inestábel, a totalidade das sondaxes coñecidas nos últimos días outorgaban unha importante baixada na intención de voto para o partido de Sánchez. Así, para o caso galego, Electomanía publicaba, a pasada sexta feira, un traballo onde as socialistas estaban a piques de ser superadas polas nacionalistas, nun escenario de perda da maioría absoluta de Núñez Feixoo e de forte aumento da abstención.

baixa o PSOE até perder 11 escanos e aumentan a representación das forzas nacionalistas, nomeadamente Junts per Catalunya e o BNG

A tendencia á baixa das socialistas é homoxénea no conxunto do Estado. 13 de marzo, sexta feira, a consultora Simple Lógica fai pública a súa mostra mensual, sinalando unha importante suba do PP e unha baixa do PSOE e Vox. Un día máis tarde Electomanía dá a coñecer o seu panel para o conxunto do Estado cuns números moi semellantes. Soben PP, Ciudadanos e Vox, que suman oito deputados máis dos actuais, baixa o PSOE até perder 11 escanos e aumentan a representación das forzas nacionalistas, nomeadamente Junts per Catalunya e o BNG.

A confianza no Goberno en caída libre

O malestar co Goberno do Estado é evidente. Sen ir máis lonxe, unha enquisa fechada na noite da sexta feira por Mestroscopia sinala que a preocupación da cidadanía polo contaxio pasa nun día de 56% a 63%, a confianza no Goberno baixa nese mesmo período de 54% a 49%, as dúbidas sobre a capacidade de resposta do sistema de saúde dispáranse e o temor a unha crise como a comezada en 2008 acada 94% da poboación. Na mesma liña, os diferentes estudos sociolóxicos realizados nos últimos días confirman que a perda de apoios no Executivo estatal atópase en caída libre.

A información contraditoria, a lentitude na toma de decisións e a falla de disposición para afrontar a epidemia son as principais críticas da cidadanía a Sánchez. A día de hoxe, a maioría da poboación considérao responsábel do enorme retraso na aplicación de medidas para loitar contra o coronavirus, provocando a súa extensión desde Madrid ao resto do Estado.

dúbidas se a negativa a fechar Madrid responde á súa incapacidade para impoñer a autoridade ou a unha táctica deliberada destinada a baleirar a capital do Estado

A respecto disto último, xorden dúbidas se a negativa a fechar Madrid responde á súa incapacidade para impoñer a autoridade ou a unha táctica deliberada destinada a baleirar a capital do Estado co obxectivo de evitar o colapso dun sistema sanitario moi deteriorado polas políticas de recortes dos Gobernos do PP. Sexa como for, esta decisión pon en risco aos servizos de saúde de diversos territorios do Estado, que carecen de medios técnicos e humanos para facer fronte a ese aumento da poboación procedente de Madrid.

Vox apoia as medidas de Sánchez

As socialistas están convencidas que as medidas aprobadas na xuntanza extraordinaria de onte do Consello de Ministros van contribuír a darlle unha viraxe á situación. Así, as fontes do partido, en declaracións a Nós Diario, consideran que “ o presidente acaba de dar un golpe de autoridade, mandando unha mensaxe de confianza á cidadanía e deixando claro que o Goberno de España vai loitar con todos os medios contra a epidemia”.

A decisión de Pedro Sánchez, consultada previamente co PP, recibiu apoios inesperados, como os de Vox

A decisión de Pedro Sánchez, consultada previamente co PP, recibiu apoios inesperados, como os de Vox, que en palabras de Santiago Abascal “celebra que dunha vez por todas o Goberno se decida a adoptar algunhas medidas que levamos reclamando desde a terza feira: unidade nacional, estado de alarma e centralización de todos os recursos da administración para loitar contra a crise”.

As dúbidas sobre a efectividade das propostas do Goberno son moitas. A este respecto, desde a comunidade sanitaria considérase que a insistencia en non fechar Madrid mantén a porta aberta á extensión da pandemia en sucesivas ondas polo conxunto do Estado. Por outra banda, desde unha parte dos sectores empresariais observan con preocupación a falla de alternativas para paliar os problemas derivados da paralización da actividade económica.

Comentarios