As enquisas enfróntanse á participación e ás persoas aínda indecisas

O número de indecisos supera aos votantes do Partido Popular.
Papeleta Dani Candal

A fiabilidade das enquisas depende da capacidade para determinar a porcentaxe de participación. A este respecto, un directivo dunha empresa consultora recoñece que "a ausencia de aproximacións máis ou menos fiábeis aos índices de participación complican moito o noso traballo, ao impedirnos facer extrapolacións. Se non acertas nos datos de participación, a enquisa falla". Neste sentido, os traballos de campo referidos ás eleccións galegas non semellan ter percibido as circunstancias extraordinarias das eleccións galegas á hora de fixar os índices de abstención.

A totalidade dos traballos publicados prevén unha participación electoral de arredor de 60%, unha cifra case sete puntos superior á das eleccións galegas de 2016, comicios decorridos nun escenario aparentemente máis favorábel á mobilización electoral, ao non coincidir cunha situación de emerxencia sanitaria e ao teren lugar fóra da tempada estival. Ademais ningún dos estudos realizados tiveron tempo de detectar na súa mostra o impacto que o rebrote do coronavirus poida provocar no comportamento electoral das comarcas afectadas e doutras áreas da Galiza.

O número de persoas indecisas segue a ser alto. Así, por exemplo, o tracking elaborado pola empresa Sondaxe apunta na súa entrega de onte un nivel de indecisión de 26%, cifra superior ao número de cidadáns e cidadás que afirman votar o Partido Popular, cuxa cifra en intención directa se sitúa en 25%.

As porcentaxes máis elevadas de persoas indecisas concéntranse nas circunscricións de Lugo, con 30%, e Pontevedra, con 28,9% e as máis baixas en Ourense, con 20%, e A Coruña, con 24%.

Máis alá das diferenzas territoriais, os números de persoas indecisas evidencian a existencia dunha ampla bolsa de sufraxios capaz de mover os resultados para un e outro lado.

O medo á abstención

O medo á abstención é un clásico dos procesos electorais. Uns comicios cunha baixa participación evidencian as fendas do réxime político, cuestionan a calidade do modelo democrático e poñen en dúbida o resultado final das eleccións. Porén, nunha conxuntura como esta, onde a saúde dos electores non esta garantida, o medo vaille dar unha volta á abstención, provocando escenarios inéditos no panorama electoral galego. Así e todo, fica por saber se a baixada na participación vai ser homoxénea ou por áreas xeográficas e lineal ou por tramos de idade.

Comentarios