martes 27/10/20
Análise

As enquisas conxúranse contra o actual liderado de Gonzalo Caballero

A situación preocupa ao equipo do secretario do líder do PSdeG. Tanto o CIS como a empresa Sondaxe revelan malos resultados. Hai quen ve en Valentín González Formoso ou Carmela Silva un posíbel relevo.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

As enquisas, enquisas son, porén as coñecidas na última semana preocupan moito no equipo de Gonzalo Caballero. As fontes socialistas consultadas por Nós Diario sinalan que os datos recollidos nas recentes sondaxes volven abrir a ferida pola que sangra o Partido Socialista da Galiza (PSdeG) desde as eleccións galegas de xullo e danlle munición grosa a aqueles sectores da organización que culpan a Caballero do fracaso electoral e apostan por unha mudanza na secretaría xeral do PSdeG. A este respecto afirman que “cando coñecemos o traballo do CIS mesmo pensamos na posibilidade de que os datos viñesen cociñados por Ferraz para empuxar o recambio de Caballero”.

O estudo postelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) foi o primeiro golpe. A sondaxe elaborada polo instituto público na Galiza, cunha mostra de máis de 3.000 persoas e un traballo de campo realizado entre o 8 e o 22 de setembro sitúa a portavoz do BNG, Ana Pontón, como a dirixente política mellor valorada, cunha nota media de 5,9, seguida do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, con 5,5 e ficando Caballero con 4,3. Ademais o seu nivel de aprobación é practicamente homoxéneo na esfera territorial, 26% dos entrevistados e entrevistadas significaron que o seu voto nos comicios galegos de xullo estivo condicionado pola simpatía co candidato á presidencia da Xunta e 8 de cada 10 puxeron de manifesto a súa disposición a repetir o sufraxio emitido en xullo.

A enquisa elaborada pola empresa Sondaxe confirmou boa parte das tendencias do traballo do CIS. Ana Pontón aparece outra vez coa nota máis alta, con 5,73 sobre 10, a continuación sitúase Feixoo, con 5,63, e Gonzalo Caballero suspende con 4,11. Os mellores números para o dirixente socialista proceden da circunscrición electoral de Pontevedra, con 4,27. Porén, este último dato pode resultar enganoso, por ser o territorio no que o PSdeG consegue os seus mellores resultados e a porcentaxe de voto é superior á media, impulsada, en boa medida, polo comportamento electoral de Vigo, feudo do seu rival interno e parente, Abel Caballero.

Os sectores enfrontados a Caballero debullan estas enquisas para cargarse de razóns na súa batalla interna. Nesta liña, aseguran que “na Galiza sempre se deron comportamentos diferentes en función dos procesos electorais, mais a diferenza en intención de voto entre unhas eleccións galegas e unhas xerais manifestada na enquisa de Sondaxe non é normal”. Ao tempo, destacan que “os datos recollidos nos dous estudos son practicamente calcados e non apuntan por ningún lado marxe de mellora nuns comicios galegos, nun contexto onde os socialistas seríamos a primeira forza electoral na Galiza nunha eleccións xerais”.

Caballero está decidido a continuar como secretario xeral dos socialistas e a volver concorrer a como candidato á presidencia da Xunta da Galiza. Conta co apoio da maioría da afiliación e considera que as criticas á súa xestión limítanse a sectores ligados aos aparatos provinciais do PSdeG na Coruña e Pontevedra. A cita congresual dos socialistas galegos do vindeiro ano dará ou sacará a razón a Caballero.

As frontes internas de Caballero

Gonzalo Caballero chegou á secretaria xeral dos socialistas coa oposición das estruturas de dirección territorial do partido. Coa excepción do secretario xeral dos socialistas ourensáns, Rafael Villarino, e do actualmente do presidente da Deputación de Lugo, José Tome, non conta ao seu lado con dirixentes con poder real no partido. Á coñecida  distancia de Gonzalo Caballero co aparato estatal do partido, testada na desbandada de Pedro Sánchez no acto final de feche de campaña das galegas, súmaselle o coñecido enfrontamento cos núcleos de poder do partido en Pontevedra e na Coruña. Precisamente unha parte dos socialistas miran para a referencia da formación na circunscrición e presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, como posíbel relevo de Caballero e outros para a súa homóloga pontevedresa, Carmela Silva.

comentarios