A SUMA DE PP E CIUDADANOS PODERíA SUPERAR A DO PSOE E PODEMOS

Enquisa a pé de urna: derrota histórica do PP na Galiza, En Marea, segunda forza e Nós, fóra do Congreso

A enquisa das canles públicas reflicten unha derrota histórica do Partido Popular na Galiza, onde En Marea ocuparía a segunda forza e onde Nós ficaría fóra do Congreso. A nivel Estado, a suma de PP e Ciudadanos superaría a de Podemos e PSOE.

Eleccións
photo_camera Colexio electoral na Coruña

A enquisa difundida polas canles públicas, encargada a TNS, apunta a unha caída histórica do Partido Popular na Galiza, onde sacaría 9/10 escanos, cun 34,5% dos votos, (en 2011, o PP conseguira 15 escanos no país), seguido de En Marea, que irrompe como segunda forza con 7/8 escanos e co 27% dos votos. A continuación, situaríase o PSOE, con 4/5 escanos e 19,3% das papeletas (en 2011 acadara 6 parlamentares) e Ciudadanos, con 1/2 representantes no Congreso e o 10,7% dos votos. Estas sondaxes a pé de urna non lle outorgan representación a Nós Candidatura Galega, que obtería o 5,3% das papeletas. Desta maneira, por vez primeira en 20 anos, non habería unha forza nacionalista no Congreso.

Por circunscricións, na Coruña o PP sacaría 3 escanos e acadaría o 33,5% dos votos; En Marea, 2/3 e o 27,5% dos votos; o PSOE 1/2 e o 19,2% e Ciudadanos 1, co 11,1%. Nós obtería o 5,5% das papeletas. En Lugo, o PP obtería 2 parlamentares e o 40,1% das papeletas; o PSOE, 1 co 23% dos votos e En Marea, 1, co 19% dos apoios. Ciudadanos ficaría co 8,3% dos apoios e Nós, co 5%. A previsión repítese en Ourense, o PP acadaría 2 escanos, co 41,5%; En Marea, 1, co 21,3% dos apoios e o PSOE, 1, co 18,7%. Ciudadanos faríase co 10,5% das papeletas e Nós, co 4,9%. E en Pontevedra, En Marea situaríase como primeira forza, con 2/3 escanos e o 31,3% das papeletas. Tamén lograría 2/3 escanos o PP, co 31,1%; o PSOE, 1 escano, co 18,2% e Ciudadanos, 0/1, con 11,1%. Nós acadaría o 5,5% dos apoios.

A nivel estatal, a suma dos escanos de PP e Ciudadanos superaría a suma dos escanos de Podemos e do PSOE, segundo a mesma enquisa, que lle dá ao PP 114/118 escanos; ao PSOE, 81/85 escanos, a Podemos 76/80; a Ciudadanos, 47/50; Esquerra, 9/11; Democracia e Llibertat, 6/7. Outórgalle ao PNV 4/5; a Unidade Popular (IU), 3/4 e a Bildu, a mesma cantidade, 3/4.

A mostra da enquisa é de 177.000 entrevistas feitas a pé de urna en 1.265 colexios electorais. Na Galiza, houbo 12.600 entrevistas en 90 colexios.

Os primeiros resultados que ofrecerá o Ministerio do Interior coñeceranse após as 21h.


 

Comentarios