Unha enquisa de ElDiario coloca a Nós á beira de obter representación no Congreso

O voto estimado para a Candidatura Galega é do 0,5%, dúas décimas máis que a realizada polo CIS. A coalición En Marea conseguiría entre dous e tres escanos.


Nós Candidatura Galega e En Marea conseguirían representación no Congreso dos Deputados, segundo a enquisa publicada este venres por ElDiario.es. A formación Nós obtería unha intención de voto do 0,5%, no limiar para conseguir escano, e dúas décimas por riba da enquisa realizada polo CIS. Segundo a mesma, En Marea conseguiría entre dous e tres escanos, cun 0,8% de voto estimado, similar ao inquérito do centro sociolóxico.

A enquisa de ElDiario é un tracking semanal realizado pola empresa de investigación Celeste-tel. Con respecto ao inquérito publicado hai sete días, non se producen variacións  sobre a intención de voto para as dúas formacións galegas.

O Partido Popular sería o gañador dos comicios do 20D, cun 28,1% de intención de voto, o que se traduciría ente 118 e 121 deputados. Detrás o PSOE, cun 23,9%, obtería entre 95 e 98 escanos, mentres Ciudadanos estaría cun 18,6% (57-61 escanos) e Podemos cun 11,2% (27-28 deputados).

As coalicións integradas polo partido de Pablo Iglesias, Compromis-Podem sumaría entre 5 e 7 escanos, mentres En Comú-Podem estaría entre os 5 e 6. IU-UP quedaría con entre 2 e 3 escanos.

Entre as forzas soberanistas, Democràcia i Llibertat e ERC sumarían cada unha entre 8 e 9 deputados no Congreso. Pola súa banda, PNV e EH Bildu obterían entre 5 e 6 escanos respectivamente. 

Comentarios