CONSTRUCIóN DUNHA CANDIDATURA GALEGA

O Encontro pola Marea Galega e Iniciativa pola Unión falan de puntos en común

Membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega e de Iniciativa Pola Unión mantiveron unha xuntanza esta sexta feira (28 de agosto) en Santiago de Compostela para exploraren as posíbeis vías de aproximación entre ambos os colectivos.

Conxo comisión promotora
photo_camera Conxo comisión promotora

A Iniciativa pola Unión informa nun comunicado de prensa de que na primeira toma de contacto entre ambos os colectivos analizáronse as particularidades deste momento político, que conciben como unha “oportunidade” para desprazaren o “bipartidismo tradicional” a través dunha candidatura unitaria. Tamén se trataron as respectivas propostas de construción dun proceso de unidade popular que dea soporte, precisamente, a esa candidatura.

Segundo a Iniciativa pola Unión, na xuntanza púidose constatar “a existencia dunha elevada coincidencia” no que ten a ver con cuestións chave sobre a candidatura unitaria. Así, ambos os colectivos coincidiron en que o espazo ten que ser “ideoloxicamente plural e sen exclusións” e na necesidade de integrar persoas a título individual, mareas municipalistas e partidos.

No comunicado de prensa tamén se apunta como coincidencia entre os e as representantes de ambas as organizacións a constitución dun grupo parlamentario galego, "renda contas en Galiza” así como a “adscrición persoal ao espazo de participación cidadá”.

Nos vindeiros días, o Encontro Cidadán para a Marea Galega e Iniciativa pola Unión afondarán nestes e noutros aspectos.

O Encontro Cidadán para a Marea Galega reúnese co BNG

Tamén nesta sexta feira tivo lugar unha xuntanza entre membros do Encontro Cidadán para a Marea Galega con representantes do BNG. Desta reunión, o Encontro Cidadán para a Marea Galega salientan que “houbo moitas coincidencias no diagnóstico da situación e na identificación dos actores que deberían confluír neste proceso”.

Comentarios