NOVO PROXECTO COMÚN

Encontro Irmandiño pide paciencia e insiste en que o NPC debe construírse “de abaixo arriba”

Lembra que "en ningún momento" se fixaron prazos
Asemblea de Encontro Irmandiño
photo_camera Asemblea de Encontro Irmandiño

Encontro Irmandiño insiste, a través dun comunicado, en defender a súa visión de que a creación dun novo proxecto nacionalista debe realizarse "de abaixo a arriba", para o cal o escenario axeitado son as asembleas de base que se están a realizar en difefrentes puntos da Galiza. Nesta liña, EI asegura que "en ningún momento" fixou ningún prazo para levar a cabo un manifesto común con outras organizacións coas cales mantén contactos, en concreto, Máis Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas.

O Encontro Irmandiño remarcou que fixar unha postura "sería incongruente coa postura mantida e expresada fóra e dentro, sobre o carácter destes contactos" os cales, ao seu xuízo, "non deben interferir no proceso de construción, que "debe ser de abaixo a arriba" para facer "algo novo, participado e útil sen caer en vellos modos e erros doutras forzas,".

Con todo, EI manifestou a súa "vontade de continuar os contactos", co seu carácter inicial de "servir de encontro para explorar mutuamente, intercambiar opinión e as ideas da pluralidade existente no nacionalismo", así como "facilitar e axudar o impulso respectando o proceso dende as asembleas de base, sen montar acordos de cúpulas que condicionen a participación".

Para iso, os 'irmandiños' sinalan que as asembleas de base, constituídas en, sinalan, máis dunha vintena de localidades galegas, son "o mellor espazo para dialogar e acordar" o que lles "une" aos distintos colectivos que avogan por un proxecto común nacionalista.

Acción conxunta

En todo caso, a configuración do novo proxecto nacionalista vivirá a próxima semana un dos momentos clave para a súa conformación, xa que, de cara a que coincida co Día das Letras Galegas, Máis Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas buscarán levar a cabo unha acción conxunta. Co obxectivo de visualizar que esta alternativa que aspira a se presentar ás próximas eleccións empeza a compactarse.

Con todo, dada a postura do Encontro Irmandiño, que aposta por imprimir distinto ritmo a este proceso e, desta forma, favorecer un proceso desde as bases "sen pactos por arriba", nesa acción só estarían os outros colectivos e, en todo caso, debería concretarse nunha reunión que está prevista para a próxima terza feira.

De todos os xeitos, esta situación non significa que o diálogo destas catro sensibilidades estea roto, senón que esta diferenciación rítmica sería a vía buscada para que, nun futuro, poida frutificar nun pacto. Este pasaría, sobre todo, por un programa electoral conxunto.

Comentarios