ENTREVISTAMOS ANA PONTóN (BNG)

“Enceto esta etapa con toda a ilusión, sabendo que as cousas non son fáciles”

Ana Pontón (Sarria, 1977) pode ser a primeira muller en ocupar a Portavocía Nacional do BNG, após Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Guillerme Vázquez e Xavier Vence. Nas respostas ás preguntas que Sermos Galiza lle formula, transmite entusiasmo e optimismo. A ilusión percíbese na súa voz. 

ANA PONTÓN 2

Que a levou a dar este paso?

É unha decisión colectiva, non individual. Houbo diferentes persoas que entendían que podía ser unha persoa que debería cumprir este papel neste momento. Tamén había outras opcións, pois no BNG hai moitas persoas moi valiosas. A min o que me anima é que estamos nun momento que admito é complicado, mais hai unha serie de retos por diante nos que creo que teño que aportar. O BNG fixo un exercicio importante de autocrítica e non pode haber dúbidas a respeito de que hai que dar un cambio importante no proceso: tomamos nota e apostamos na refundación do BNG. E isto é unha mensaxe clara que non só lanzamos cara ao interior da organización, senón tamén cara ao exterior. Vivimos agora un proceso de cambios, sempre sobre a base de que o BNG é unha organización nacionalista de esquerda.

Como afronta o proceso de cambios do que fala?

É unha proposta que imos formular na asemblea. Serán as persoas militantes as que decidan finalmente se o consideran ou non o máis oportuno. Para min, é todo un reto desde o punto de vista político iniciar esta nova etapa. Fágoo con toda a ilusión, sabendo que as cousas non son fáciles. Non creo que o derrotismo poida formar parte da nosa actitude. Debemos encetar a nova etapa con ilusión, sabendo que temos un país que necesita dunha forza nacionalista. Temos que ter audacia e intelixencia e imos facelo con entusiasmo e paixón.

É evidente que esta candidatura fai unha aposta importante en visibilizar as mulleres

Dúas das principais características da lista que vostede encabeza son a renovación e o protagonismo das mulleres nun ámbito, o da política, no que as mulleres adoitan ocupar un posto secundario.

É evidente que esta candidatura fai unha aposta importante en visibilizar as mulleres. O primeiro e o segundo posto ocupámolo dúas mulleres. É esta unha parte do cambio que demandaba un sector importante da sociedade e que necesita tamén a política, asentada en valores moi masculinos, no individualismo, no feito de non escoitar e de non tecer, en boa parte das veces, relacións sobre os aspectos máis emotivos que forman parte da política. Hai un valor transformador nesta aposta. Ademais, facemos unha incorpora moi importante de nomes. Hai 10 persoas que non formaban parte da Executiva Nacional. É dicir, renovamos dous terzos da Executiva Nacional. Algunha destas persoas, que veñen facendo un traballo importante nas comarcas, non formaron nunca parte de organismos de dirección do BNG. Isto é unha cousa que quixera destacar: hai que conxugar experiencia coa renovación e estamos apostando en incorporar novas persoas.

Van incorporar algún nome máis na proposta?

Esta é unha candidatura solvente que incorpora persoas de ámbitos diferentes, cun número de novas incorporacións importante, como dicía antes. Mais tamén imos seguir traballando até a segunda feira –ás 19h remata o prazo de presentación das candidaturas- para que algunhas persoas que son importantes aínda poidan enriquecer e sumarse á candidatura. Temos tamén aí un dialogo aberto con mulleres moi valiosas para tecer esa posibilidade e ampliar a candidatura, polo que podería incluír algunha modificación de cara á segunda feira.

Todos os textos falan con claridade dunha refundación, asentada sobre base de que somos unha organización nacionalista, de esquerdas e transformadora

Cara a onde debe dirixirse o proceso de refundación do Bloque?

Iso ten que decidilo a militancia. Todos os textos falan con claridade dunha refundación, asentada sobre base de que somos unha organización nacionalista, de esquerdas e transformadora e de que necesitamos atraer moitas persoas que non ven agora o Bloque como unha referencia. Necesitamos estabelecer un diálogo coas persoas que son nacionalistas, soberanistas, independentistas ou que cren na utilidade dunha forza nacionalista e temos que actuar en tres ámbitos: analizar e actualizar a análise que temos sobre a realidade da Galiza de 2016 e coller un pulso social nese ámbito; ver como podemos enriquecer e incorporar algún dos principios políticos e propostas no debate das alternativas e repensar todo o modelo organizativa do BNG sobre a base dunha organización máis democrática. E así, neste sentido, é como hai que redefinir o proxecto.

Espera que se presenten máis candidaturas?

Non o podo dicir, en todo caso o BNG é unha organizacións cuns estatutos que facilitan que se poidan presentar candidaturas. Con que 15 persoas conformen unha lista xa se poden presentar ao Consello Nacional, porque toda a militancia ten canles de participación e de opinión á hora de poder presentar as súas alternativas.

Chama  a atención o papel destacado da política municipal nas propostas á Executiva, por que?

Fixemos renovación moi importante nas candidaturas municipais, incorporando xente nestes últimos proceso moi valiosa. Moitas veces desde o ámbito municipal púlsanse as sensacións sociais dun xeito máis directo e isto é unha alternativa importante. Para poder facer unha reformulación nese ámbito ten que haber persoas relacionadas coa política municipal que formen parte dos órganos de dirección.

Optará á Presidencia da Xunta?

Non está na axenda nin no horizonte do BNG. Neste momento, o que temos que facer é unha  proposta que ten que ser debatida na Asemblea. Esa é a miña única preocupación. O da Presidencia á Xunta non se me pasa pola cabeza.

Comentarios