AUDIENCIA NACIONAL REXEITA RECURSO DA DEFENSA

Encausados na 'Operación Jaro' denuncian a “ilegalización a todos os efeitos” de Causa Galiza

No auto dise que os 9 procesados eran un “entramado” para “enaltecer, xustificar e promocionar o terrorismo” citando como evidencia os actos de homenaxe aos 'Mártires de Carral'.

operación Jaro Causa Galiza

O Xulgado de Instrución nº6 da Audiencia Nacional, que instrúe a causa contra 9 independentistas no marco da 'Operación Jaro', desestimou o recurso presentado pola defensa de Causa Galiza, unha decisión que as persoas procesadas cualifican como que “declara ilegal a todos os efectos” a plataforma independentista creada en 2007. Fontes das persoas imputadas comentaron que calquera recurso a presentar tería que ser perante o Tribunal Constitucional, paso que desbotan. "Non hai posibilidade de que prospere".

No auto, a Audiencia Nacional considera que estes 9 independentistas imputados constituían un “entramado” para difundir “ideas que tenden a xustificar o uso da violencia como instrumento para a independencia”, empregando para tal fin Causa Galiza. Como evidencias aponta os actos de celebración do Día da Galiza Combatente entre o 2013 e o 2015, así como “actividades nas que se enaltece, xustifica e promocióna o terrorismo como os actos celebrados o 26 abril 2015”, referíndose ás homenaxes aos 'Mártires de Carral'.

As persoas encausadas nesta causa anuncian que en breve realizarán unha comparecencia de imprensa para avaliar o que cualifican de “ilegalización”.

Comentarios