Eleccións estatais do 10 de Novembro

Encalladas no voto exterior

As galegas emigrantes non o teñen doado á hora de exerceren o seu dereito ao voto. Residentes no estranxeiro falan con Sermos Galiza sobre a precariedade, a procura de oportunidades laborais no estranxeiro, as dificultades para rexistrarse e solicitar o voto ou a falta de políticas para acompañalos. O cambio da lei electoral aumentou as garantías e supuxo o descenso da participación. Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza
   
foto-votoExterior

En 2019, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), residen no exterior 519.646 persoas. Neste mesmo ano o Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), que rexistra a poboación que habita no estranxeiro, contabiliza 457.909 galegos e galegas. Desta cifra, votaron nas eleccións do 28 de abril 12.234 persoas, 2,67%.

O electorado exterior nunca foi especialmente activo, mais tras a reforma da lei electoral en 2011 afundiuse. Nos comicios de 2008, 325.266 galegas e galegos estaban chamados a participar e 33,87% así o fixo. Unha vez entrou en vigor o cambio de normativa, o chamado comunmente “voto rogado” impulsado por PP e PSOE co apoio de PNV e CiU, nas seguintes eleccións, as de 2011, votou 4,32% do censo alén do Cebreiro.

O cambio da lei electoral defendeuse como un mecanismo para atallar as fraudes cometidas no voto exterior. Borrar a foto dos festíns que ofrecían os partidos ás comunidades no estranxeiro e nas que “rogaban” o seu voto. Eliminar a papeleta das ausentes, as que faleceran e cuxo nome permanecía nun censo sen actualizar.

mini-votoExteriorPorén, a norma tamén supuxo un dique para a participación de moitas emigrantes, como as que marcharon da Galiza coa onda da crise económica. 2013 foi o ano con maior saldo migratorio ao exterior, no primeiro trimestre 6.378 persoas marcharon, segundo o IGE. 

En 2019 residen no exterior 519.646 galegas e galegos, dos que 457.909 están inscritos no Censo Electoral de Residentes Estranxeiros

Falta de oportunidades

Segundo a Secretaría do Exterior da Xunta da Galiza once países concentran 95% da emigración galega. Os Estados Unidos, Francia ou o Reino Unido son algúns dos destinos máis habituais das galegas. E “precariedade” unha das palabras máis repetidas polas que contaron a Sermos Galiza a súa singradura no estranxeiro desde estes países, así como as dificultades para exercer o voto.

Xavier Carriba reside en Londres desde hai catro anos e medio. “Como programador as oportunidades de desenvolvemento profesional na Galiza son limitadas. Tras a crise os salarios e as ofertas caeron polo chan, sobrevivía malamente”, di. María Sabucedo, tamén desde a capital británica, explica que ademais da falta de oportunidades emigrou por razóns emocionais. “A perda da miña rede de amigos debido á emigración xeneralizada e o feito de que o meu compañeiro viñera vivir aquí foron o detonante para dar o paso”, conta.

A lucense Sara Gómez trasladouse a París hai poucos meses: “Decidín vir pola falta de oportunidades e o medo a quedarme estancada nos anos de universidade. Non foi unha decisión doada. Emigrar supón renunciar a toda unha vida e é un proceso no que resulta difícil sentirse acompañada”. Cando atopou vivenda, tras semanas de busca, deu con Manuel Simón, emigrante galego coma ela. El chegara a Francia tras pasar por Irlanda e Suíza. 

“Rogar” o voto

“A lingua é poderosa, por iso non me gusta que o procedemento se chame ‘rogar o voto’. Nós non temos que rogar nada a ninguén”, matiza Sara. Ela e Manuel déronse de alta como residentes temporais en Francia “cun documento sinxelo de cubrir”. Despois completaron o impreso para “rogar” o voto, “que ben poderíamos ter tramitado en liña”. Desde o 21 de outubro poden recibir as papeletas e teñen até o 6 de novembro para enviar o voto por correo certificado. “Existe a posibilidade de que reembolsen os cartos, pero o procedemento non é claro”, explican ambos.

O procedemento é o mesmo para todas as persoas residentes no estranxeiro, mais as oportunidades mudan segundo o lugar de residencia xa que a inscrición no CERA é presencial. “En Francia hai dez consulados, coñezo xente á que lle resulta imposíbel votar pola distancia, diñeiro e tempo necesarios”, denuncia Sara. Nunha situación similar atópase o melidense Vicente Vázquez, asistente lingüístico de lingua española nunha universidade estadounidense. Actualmente vive en Arkansas e o consulado máis próximo atópase en Huston, Texas, a cinco horas en coche. “No meu contrato pon que non se poden suspender clases e as fins de semana as oficinas están pechadas”. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]  

Comentarios