A HIPóTESE DUNHA SOA CANDIDATURA, CADA VEZ MáIS LONXE

Naufraga o foro político ao oporse a Marea a que fose aberto como lle pedía IpU

Iniciativa pola Unión propuxo ao Encontro cidadán que este debate fose aberto e sen exclusión de organizacións, propostas que non se contemplaron. Houbo exclusións explícitas de até seis organizacións.

Unha reunión do Encontro cidadán por unha Marea Galega
photo_camera Imaxe dun encontro anterior

O foro político impulsado por Iniciativa pola Unión e o Encontro cidadán por unha marea galega para sentar as bases das que saíse xa definida en boa medida a posibilidade dunha candidatura unitaria galega encallou. Un debate que ficou varado froito dos desencontros entre ambas as dúas plataformas sobre o encontro. Desde o Encontro plantexábase un foro político no que tomasen parte oito organizacións políticas: Anova, BNG, Cerna, CxG, Equo, Espazo Ecosocialista, IU e Podemos. As mesmas que, explica nun comunicado, “xa participaran no encontro do día 12 de setembro, coa finalidade de acordar os elementos esenciais para unha candidatura de Unidade Popular e base cidadá”. Segundo puido saber Sermos Galiza, esta plataforma excluiu explicitamente organizacións como Terra Galega, Partido Galeguista, Coalición Galega, Agora Galiza, FOGA e PCPG. Non deixa de ser indicativo que representantes destas forzas excluídas están a tomar parte nas reunións e actos impulsados desde Iniciativa pola Unión. 

Pola súa banda, IpU pedía que fose un foro político sen exclusións, “nos que poidese tomar parte toda aquela organización política que desexase sumar”, en palabras de Xosé L. Rivas 'Mini', e que se fixese “con luz e taquígrafos” para que a xente poidese coñecer “polo miudo” o que se debate e fala para conformar unha candidatura ”que vai ser dela, da xente”.

Marea vetou a presenza de Terra Galega, PG, CG, Agora Galiza, FOGA e PCPG

Este foi o posicionamento oficial que Iniciativa trasladou na noite desta quinta feira e na mañá desta sexta a Encontro cidadán: nada de exclusións. “Non tivemos resposta”, afirma 'Mini', que recoñece o difícil da situación. “Isto está roto”, chegou a afirmar en conversa con Sermos Galiza, para máis adiante optar por un máis moderado “estamos en 'stand-by', porque aínda quer confíar, teima, en que a situación poida reconducirse.

Desde o Encontro mantívose a convocatoria do foro político, “a pesar da situación de confusión creada pola retirada de Iniciativa pola Unión”, nos mesmos parámetros que fixou desde un principio. “Os tempos apremian e é necesario forzar a definición dos diferentes actores respecto a un proceso no que a cidadanía non adscrita poida participar de xeito efectivo”, afirma.

Comunicado do BNG

O BNG emitiu un comunicado por volta das 18.27 horas para informar de que non iría concorrer á convocatoria. Alega a formación frentista que "a unidade se constrúe desde o respeito á pluralidade e en exclusións" e salienta a súa participación canda outras 6 formacións políticas -precisamente as excluídas pola Marea galega- na Iniciativa pola Unión.

"Isto enmascara un intento de arrinconar o nacionalismo galego porque o único que se perseguía era escenificar un acordo político xa previamente cociñado polas cúpulas de Anova, Podemos e EU"

"Isto [os vetos interpostos á participación das 6 formacións políticas] enmascara un intento de arrinconar o nacionalismo galego porque o único que se perseguía era escenificar un acordo político xa previamente cociñado polas cúpulas de Anova, Podemos e Esquerda Unida", dixeron a Sermos fontes da dirección frentista. "Mantemos a man tendida a quen se queira engadir a un proceso aberto e sen exclusións, feito desde abaixo e non nos despachos e con participación popular", afirman.

E pergúntanse: "Por que teñen máis lexitimidade social Equo ou Espazo Ecosocialista do que o PCPG, Agora Galiza, Foga ou Terra Galega?".

Comentarios