En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista, perto de chegar a unha coalición

A formación En Marea está a preparar unha coalición con outras organizacións para concorrer o 12 de xullo. Ademais, reclama "os seus dereitos electorais" pola participación e resultado nas urnas de hai catro anos.

Pancho Casal, coportavoz de En Marea (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Pancho Casal, coportavoz de En Marea (Imaxe: Nós Diario)

A sexta feira remata o prazo para o rexistro das coalicións e, perto de converterse nunha delas, está a alianza de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, á que tamén se sumarían mareas municipalistas que se presentaron nas últimas eleccións, adiantou Europa Press.

Fontes de En Marea confirmaron onte a Nós Diario que a formación está a preparar unha coalición para concorrer ás eleccións do 12 de xullo con Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e diversas candidaturas denominadas mareas locais.

Segundo Europa Press. o Partido Galeguista mostrouse a favor, en días pasados, a buscar unha alianza "ampla" para as eleccións do 12 de xullo. "Unha forza para gobernar e construír un proxecto constitucional galego de estado, descentralizador e vertebrado sobre alicerces de recoñecemento e autonomía das rexións actuais e asociadas no futuro", sinalou este partido nun comunicado.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia decidiu explorar coas súas bases unha alianza para as autonómicas do 12 de xullo e, aínda que na súa pregunta telemática non o inclúen especificamente, con toda probabilidade a coalición proposta será con En Marea e o Partido Galeguista. Iso, con ese obxectivo común de darlle á situación derivada do covid-19 "unha visión diferente desde o país".

Comentarios