A empresa de Pachi Lucas facturou 53 mil euros ao PP en 2011

A empresa presidida polo 'conseguidor' da Operación Zeta non puido xustificar un pagamento ao PP español en 2011.

Pachi Lucas
photo_camera [Imaxe ÓSCAR CORRAL]

Novos dados saen á luz a respeito da relación existente entre Pachi Lucas, o 'conseguidor' da Operación Zeta, e o PP. Desta volta, un pagamento por parte da súa empresa, Distart 4, a conta do Partido Popular español en 2011. Segundo a información fornecida polo Tribunal de Contas, trátase de 53.449,11 euros que o empresario madrileño non puido xustificar --segundo recolle El País-- e que vén a se sumar aos 25.583,80 euros facturados ao PPdeG nas eleccións parlamentares de 2009 como provedor da campaña FeijóO9. 

A relación entre Francisco Ramón de Lucas Blanco, Pachi, fica cada vez máis clara. Cando menos polas operacións que aparecen recollidas nos informes de Contas. Porén, Alberto Núñez Feijóo, íntimo amigo do empresario desde hai máis dunha década, continúa sen dar explicacións.
 

Nen comparecencia nen investigación parlamentar

Neste senso, no pleno decorrido esta semana no Parlamento de Galiza, o presidente da Xunta rexeitou --xunto cos votos do seu partido-- comparecer nunha sesión monográfica para esclarecer a súa relación con Lucas, mais tamén a implicación de militantes e ex-militantes do Partido Popular no caso de fraude dos cursos de formación, como solicitou o PSdeG-PSOE. 

O PP rexeitou que Feijóo compareza en sesión parlamentar e a crear unha comisión de investigación, como solicitou a oposición

Ao mesmo tempo, o partido que apoia o goberno, rexeitou a creación dunha comisión parlamentar de investigación sobre a Operación Zeta. BNG e AGE tentaron sen éxito que o PP e Alberto Núñez Feijóo, expliquen a suposta implicación de altos cargos do Partido Popular na concesión de 20 millóns de euros en forma de subvención concedidas a empresas dirixidas por Gerardo Crespo.

O empresario e "militante de Alianza Popular desde os 18 anos", como el mesmo recoñeceu, tería sido beneficiario desde 2008 e 2012 segundo recolle o sumario da investigación. Uns fondos públicos que lle foron adxudicados a cambio de impartir cursos de formación para persoas desempregadas mais que, nalgunhas ocasións, nen se terían chegado a realizar. 
 

Mensaxes de texto que apuntan ao presidente

Desde o Partido Popular e a Consellaría de Traballo e Benestar, negan a maior e responsabilizan o propio Crespo de ter cometido fraude contra a administración pública. Porén, as conversas telefónicas e mensaxes de texto obtidas no decorrer da investigación dan conta de xuntanzas entre líderes do PP e o empresario, nas que Pachi Lucas tería actuado como nexo de unión.

Neste senso, o sumario dá conta dun SMS no que Lucas asegura estar xantando co presidente da Xunta en Beluso. A comunicación prodúcese con Crespo por telemóbel e di: "Comendo en Beluso, presidente, mar...! Todo ben". 

Segundo o 'conseguidor' o mandatario galego "vai ser chave" nalgún dos encontros, no concreto, un que debía ter lugar coa actual ministra de Fomento, Ana Pastor. 

Malia os indicios apuntaren a unha estreita relación entre Lucas e Feijóo, o presidente da Xunta continúa sen dar explicacións no que é xa o seu segundo escándalo durante os seus cinco anos á fronte do executivo.

Comentarios