sábado 28.03.2020

O empoderamento das mulleres na esquerda, a debate este sábado en Cangas

Cangas de Morrazo acollerá este sábado no seu Salón de Plenos municipal a xornada ‘O empoderamento das mulleres na esquerda política e social’. O evento, organizado pola eurodeputada galega Lidia Senra (AGEe), terá lugar en sesión de mañá e tarde e non precisará de inscrición previa.

Lidia Senra, nun acto realizado en Compostela
Lidia Senra, nun acto realizado en Compostela

A europarlamentar chama a atención con este acto sobre a necesidade de “debater e analizar en comúns os avances e eivas” que se teñan logrado nas últimas décadas en materia de feminismo. Senra denuncia o paradóxico que resulta como as organizacións de esquerda que “defenden a igualdade e a loita contra o machismo” continúan en moitos casos a reproducir os mesmos esquemas opresores. “Non podemos permitir que isto continúe así”, defende a tamén membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

A parlamentar fai un chamamento a non tolerar a violencia machista en calquera ámbito, incluído o institucional e as organizacións políticas e sociais. Senra apunta mesmo casos de acoso a mulleres que teñen lugar no Parlamento Europeo e enfatiza que “baixo ningún conceito se poden permitir a violencia sexista e o machismo, aínda que a exerzan homes que supostamente son os nosos compañeiros de partido ou de organización social”.

Programa

A xornada deste sábado en Cangas comezará ás 11:30 horas co coloquio ‘Mulleres implicadas política e socialmente fronte ao machismo diario que continúa a imperar na maioría de organizacións de esquerda”. Participan como ponentes a deputada en En Marea no Congreso Alexandra Fernández, e a concelleira de Marea Marín Sandra Pesqueira, ademais da propia Lidia Senra. Moderadas pola concelleira de Marea de Vigo Margarida López Barreiro, as tres representantes políticas expoñerán a súa visión e experiencia que viven día a día no desenvolvemento das súas funcións.

A sesión de tarde, que inicia ás 17 horas, estará protagonizada polo coloquio ‘A raíz da violencia machista. Como se desenvolve e como se nos conta a historia’. Intervirá a profesora de historia Encarna Otero e a profesora da Complutense de Madrid, Asunción Bernárdez Rodal, quen ten realizado traballos sobre a análise da violencia machista nos medios audiovisuais. Andrea Bernárdez, membro de Alternativa Canguesa de Esquerdas, será a encargada de moderar o debate.

comentarios