Emotivo e concorrido tributo a Bautista Álvarez no seu primeiro cabodano

Figura incontornábel na historia do nacionalismo galego contemporáneo, todas as faces de Bautista Álvarez —o político, o teórico, o activista, o compañeiro, o dirixente, até o literato—foron evocadas este sábado no acto organizado pola UPG co motivo do primeiro aniversario do seu pasamento. Por volta de 200 persoas asistiron ao evento, que decorreu no Centro de Interpretación do castro de San Cibrao das Lás en San Amaro

WhatsApp Image 2018-09-15 at 18.24.15
photo_camera Un momento do acto

É imposíbel historiar o percurso do nacionalismo galego do último medio século —por tanto, é imposíbel historiar a propia evolución do país— sen se referir á vida e á obra de Bautista Álvarez (1933-2017). Todas as persoas que se congregaron este sábado en San Cibrao das Lás eran plenamente conscientes diso, o que transmitiu unha enorme emotividade ao evento.

Houbo música —a de Roberto Sobrado—, houbo poesía —Marta Dacosta, Lois Diéguez (con versos escritos especialmente para a ocasión) e Millán Picouto— e houbo política, con intervencións do secretario xeral da UPG, Néstor Rego, e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

WhatsApp Image 2018-09-15 at 17.51.48Rego reivindicou o teórico —a síntese que Álvarez fixo do marxismo e do pensamento de Castelao-, mais tamén puxo o foco no home como modelo de conduta. E nese sentido, emparentouno con Moncho Reboiras, o dirixente da UPG asasinado pola policía franquista en 1975: "Os camaradas Reboiras e Bautista Álvarez son os nosos referentes éticos e políticos contemporáneos" .

Por súa parte, Ana Pontón salientou a "súa paixón por facer de Galiza un país próspero e con xustiza social", ao tempo que mostrou a súa convicción de que o legado de Bautista Álvarez, o seu pensamento, tamén a súa acción, "sempre estará con nós".

E se Bautista Álvarez —dirixente chave na fundación da UPG en 1964 e do BNG en 1982— tiña unha idea clara, enfatizou Ana Pontón, é a necesidade de que Galiza se dotase de forzas políticas propias e apostase na súa auto-organización, porque "se algunha nación sen estado precisa do nacionalismo esa é Galiza", remarcou a líder do Bloque.

Comentarios