Emigrantes retornados valoran positivamente a actitude da Comisión de Garantías do Parlamento europeo

Unha delegación deste colectivo estivo en Bruxelas a iniciativa do BNG, onde mantiveron diversas xuntanzas e reunións. “É preciso facer unha valoración positiva, xestionamos que se axilice a denuncia presentada na Comisión de Peticións do Parlamento europeo”.

emigrantes retornados UE bruxelas

Representantes das Plataformas galegas de Emigrantes Retornados realizan unha avaliación moi positiva da axenda de traballo levada a cabo en Bruxelas durante estes dous días, unha visita organizada a iniciativa do BNG e na que estiveron acomañados por Ana Miranda.

As Plataformas de Vigo, Pontevedra, Barbanza, Costa da Morte, O Salnés, do Baixo Miño, da Coruña, Santiago, Ourense e incluso delegacións de Suiza, iniciaron unha serie de encontros e reunións de traballo no Parlamento Europeo. Mantiveron unha xuntanza na Eurocámara co secretariado da Comisión de Peticións da Eurocámara, e logo varios encontros con eurodiputados nacionalistas de EH Bildu, ERC, Compromís, entre outras.

Miranda sinalou que “é preciso facer unha avaliación moi positiva, sobre todo porque xestionamos que se axilice a denuncia presentada na Comisión de Peticións do Parlamento europeo”. Subliñou, ademais, a importanza de ter feito unha interlocución directa coas institucións europeas.

Alexandre Lago, da Plataforma de Emigrantes Retornados de Vigo, manifestou que “percibimos receptividade por parte da Comisión de Peticións que nos comunicou a imediata resolución das nosas denuncias, que só pretenden conseguer un trato xusto e equitativo cos emigrantes retornados, que se elimine a retroactividade da tributación das pensións do estranxeiro, que se acaten os Convenios Bilaterais e se acepten as pensións de invalidez e de incapacidade”. Xosé Lois Leirós, da Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés, afirmou que “percibimos interese e entendemos que a nosa denuncia terá éxito”.

Comentarios