Os emigrantes retornados terán en 2020 "o mesmo trato fiscal que calquera outro cidadán"

Rego anunciou que en 2020 se porán en marcha medidas para a eliminación dos prexuízos fiscais que supón ter dous pagadores e o estabelecemento do mesmo límite de ingresos que obriga de facer a declaración do IRPF.
bng emigrantes retornados
photo_camera Encontro do BNG coa Coordinadora Nacional de Emigrante Retornad@s.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou que en 2020 vanse pór en marcha as medidas necesarias para acabar coa situación fiscal dos emigrantes retornados. O colectivo, dixo, terá "o mesmo trato fiscal que calquera outro cidadán".

Néstor Rego fixo este anuncio durante o encontro que mantivo en Vilagarcía de Arousa coa Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornad@s, acompañado da deputada Montse Prado e o presidente da asociación Marusía, Xosé Lois Leirós.

O deputado galego no Congreso explicoulles ás persoas afectadas os detalles do punto alcanzado no acordo de investidura para solucionar a “estafa” que representa para as persoas que reciben prestacións desde o estranxeiro a súa situación fiscal.

Agravio

Os emigrantes retornados que traballaron noutros países, recalcou, “contribuíron tamén ao desenvolvemento económico deste país”. Rego incidiu no compromiso asinado que pretende modificar lexislativamente o agravio que sofren moitos e moitas retornadas por teren dous Estados pagadores ao mesmo tempo. Segundo dixo, unhas 250.000 persoas na Galiza, un millón no conxunto do Estado.

Néstor Rego comprometeu ao longo deste ano, a posta en marcha de medidas concretas para a eliminación dos prexuízos fiscais que supón ter dous pagadores e o estabelecemento do mesmo límite de ingresos para ter a obriga de facer a declaración do IRPF.

O portavoz da coordinadora, Xosé Lois Leirós, lembrou que, mentres para calquera cidadán español ese límite sitúase en 22.000 euros, para os emigrantes retornados é de 12.000.

O deputado do BNG adiantou que aínda que o acordo require dunha certa tramitación administrativa, "non precisa dunha dotación orzamentaria, polo que non está condicionada á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado", de aí que se poida iniciar xa.

Comentarios