Emigrantes retornad@s denuncian no Parlamento "o atraco" ás súas pensións: "Queren facer caixa con nós"

A Coordernadora nacional de emigrantes retornad@s reuniuse coas forzas da oposición e o Valedor do pobo para demandar apoio institucional ás súas reivindicacións. "Isto é un atraco", denuncian, "non é cumprir a lei".

Representantes do BNG, AGE e PSdeG reunid@s con afectad@s pola fraude das pensións a emigrantes retornad@s
photo_camera Representantes do BNG, AGE e PSdeG reunid@s con afectad@s pola fraude das pensións a emigrantes retornad@s

Representantes da Coordenadora nacional de emigrantes retornad@s mantiveron unha xuntanza no Parlamento de Galiza con representantes dos tres grupos da oposición. Se ben o Partido Popular "foi o primeiro" en lles conceder unha xuntanza, nesta ocasión alegou motivos de axenda para non recibir @s afectad@s mais desde a Coordenadora agardan recibir, cando menos, unha "resposta por escrito" ás súas demandas para "saber se nos apoian" e "o que pensan". 

As forzas da oposición amosaron o seu apoio @s emigrad@s

No entanto, representantes do BNG, AGE e PSdeG responderon á chamada da Coordenadora e amosaron o seu apoio ás demandas expresadas polo colectivo. "Foi unha reunión moi positiva" asegurou en declaracións a Sermos Galiza Manuel Domínguez. "Partillan as nosas reivindicacións e obxectivos" e comprometéronse, dixo, a elevalas á Cámara. "Desde BNG", explicou Domínguez, "dixeron que ían continuar cunha proposición de lei" que vise dar solución a este "atraco", considerou un dos portavoces da Coordenadora. 

E é que entre os obxectivos d@s emigrad@s retornad@s está a "paralización dos expedientes" abertos, "a devolución do diñeiro cobrado" e a "parálise da lei" pola cal o Goberno español e a Axencia tributaria reclaman "multas, sancións e xuros de demora" por unha suposta fraude fiscal da que @s afectad@s non tiñan coñecemento. 

"Obran como se fosemos defraudadores"

"Logo de anos e décadas de vir recibindo pensións desde os países nos que estivemos traballando, sen que esas rendas figurasen como ingresos a tributar, agora Facenda esíxenos o pagamento atrasado do imposto sobre a renda correspondente, incrementado con xuros de demora e máis sancións" explican desde a Coordenadora nacional. Para tal requirimento, a administración española apela á Lei 35/2006 modificada con posterioridade "en 2012 e 2013", continúa Domínguez. "Obran como se fosemos defraudadores mais non sabiamos nada desa lei". 

Manuel Domínguez, afectado: "Se isto non se resolve teremos que ir pola vía xudicial"

Mariñeiros da mercante, viúv@s de emigrad@s, herdeir@s de emigrantes finad@s, emigrad@s con discapacidade... son algunhas das persoas que se ven atinxidas por esa reforma lexislativa. Após meses de loita e de se agruparen nunha Coordenadora, centos de persoas de todo o país procuran o apoio político e social que revogue a norma e paralice o proceso de cobro. 

Continuarán coas mobilizacións 

"Foi unha decisión política" a que deu lugar á reforma polo que entenden, "tamén poden mudala", apunta Manuel Domínguez. Neste senso, acudiron tamén ao Valedor do pobo e prevén continuar a rolda de xuntanzas e a vaga de mobilizacións. "Iremos alí onde sexamos máis visíbeis", explica, ao tempo que di non desbotan elevar a súa voz a institucións para alén de Galiza. 

Prevén elevar a súa loita para alén da Galiza e non desbotan chegar a Bruxelas

"Prevemos xuntarnos co ministro Montoro e mesmo ir a Estrasburgo", acrecenta. "Se isto non se resolve", advirten desde a Coordenadora nacional "teremos que ir pola vía xudicial" pois do que están cert@s, e así o reflicten diversas sentenzas xudiciais, "é que é inxusto" e mesmo contrario a dereito. "É un abuso de poder", sentencia Domínguez, "van facer caixa e recaudar". Isto, denuncian, "non é cumprir a lei, é un atraco". 

Comentarios