As “emerxencias” climática, social e feminista centran as propostas de resolución do Grupo Mixto

O deputado Pancho Casal presentou as 40 propostas de resolución neste debate do estado da nación e que abranguen desde a necesidade dunha estratexia perante o Brexit até un acordo social galego perante a mudanza climática.

Pancho Casal (En Marea).

As 40 propostas que o Grupo Mixto presentou esta quinta feira no debate do estado da nación enmárcanse na liña do discurso que o seu portavoz e líder de En Marea, Luis Villares, realizou no día anterior, coas tres “emerxencias” –climática, social e feminista- como eixo.

Propostas para reducir a emisión de gases, para camiñar cara a modelos máis sostíbeis ou para declarar Galiza como zona de emerxencia climática foron algunhas das postas riba da mesa por este grupo. Como finalidade, acadar un acordo social galego contra a mudanza climática.

Un plan de impulso á igualdade e contra as violencias machistas ou un plan de ordenación forestal son outras das propostas de resolución. “Hai que pasar das palabras aos feitos e os orzamentos son claramente insuficientes. Hai que facer un plan integral que vaia desde a educación afectivo sexual”, defendeu Casal
 
O Brexit, a recuperación de dereitos dos empregados e empregadas públicas, a independencia dos medios de comunicación públicos, ou o impulso á lingua galega son outras das cuestión que se tratan nas propostas do grupo mixto.

Comentarios