Acordo PP-Cs-PSOE-Marea

O orzamento pactado pola oposición en Pontevedra chega ao pleno baixo sospeita

Intervención, Tesoureiría e Asesoría Xurídica ven deficiencias no documento. Ás 11:00 horas desta segunda feira comeza un pleno no que se debatirán as contas. O goberno local agarda “unha reflexión” na oposición para abandonar a estratexia de “todos contra o BNG”.

pleno pontevedra @a3Galicia
photo_camera Imaxe dun pleno anterior.

Esta segunda feira vai ter lugar, a partir das 11:00 horas, o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro cun punto estrela, o dos orzamentos municipais. A unión de PSOE e Marea a PP e Ciudadanos permitiulles introducir 22 emendas á proposta do goberno local e variar o contido e sentido das contas. Por iso o punto estrela na sesión de hoxe é a relativa aos orzamentos, que se debaterán en dúas partes. Por un lado, o voto particular do concelleiro de Economía, que proporá a votación da proposta económica do BNG, e por outro o orzamento emendado da oposición. Mais sobre este documento sobrevoan advertencias e dúbidas. Intervención, nun novo informe, afirma que lle “é imposíbel informar favorabelmente o orzamento emendado pola oposición”. Tesoureiría e Asistencia Xurídica tamén expresaron as súas dúbidas. Hai base xurídica que permita retirar o asunto da orde do día? Esa é unha pregunta que se resolverá hoxe.

Fontes do executivo afirman a Sermos Galiza que Intervención recomenda non aprobar as contas coas emendas da oposición

Desde o goberno local falan dunha “moción de censura encuberta” e consideran que o “coherente” sería que as “forzas que se din de esquerdas, reflexionen” e acaben co “todos contra o BNG”. Fontes do executivo afirman a Sermos Galiza que Intervención recomenda non aprobar as contas coas emendas da oposición. “A oposición non pode impoñernos os seus orzamentos, se non queren deixarnos gobernar, que presenten unha moción de censura”, indican. Afirman que o documento emendado non está equilibrado, consigna ingresos que non se poden consignar e impide, aponta, que o Concello faga fronte a gastos sociais.

“A contradición téñena Marea e PSOE”, opinan fontes do executivo, que reprochan que se sumen a PP e Ciudadanos para “botar abaixo” un modelo de cidade como o de Pontevedra, recoñecido internacionalmente. Hai quen non dubida de que existe unha “estratexia” dos catro grupos da oposición, cuxos portavoces están a manter, din, reunións nestes días, no que enmarcan nunha manobra de “todos contra o BNG”. 

Comentarios