O embaixador do Vaticano posa para a eternidade no pazo de María Pita

Foi alcalde da cidade durante 23 anos (1983-2006), mais o retrato co que pretende pasar á posteridade o representa como embaixador de España no Vaticano. Francisco Vázquez obrou o milagre de atraer á Coruña o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Xulio Ferreiro aproveitou a conxuntura para protagonizar co vigués o primeiro encontro dos rexedores das cidades máis populosas do país en 25 anos no pazo de María Pita.

retratos
photo_camera Javier Losada e Francisco Vázquez

Durante os anos en que con puño de ferro Vázquez gobernou desde o pazo de María Pita, as súas consignas foron basicamente localistas e non tirou poucos réditos dos confrontos calculados con Vigo e Compostela. O veterano político coruñés, de 70 anos, vese agora reflectido nas maneiras do actual rexedor da cidade olívica, Abel Caballero, daí que o convidase a participar nos actos protocolarios do penduramento e descuberta dun lenzo co seu retrato na chamada galería dos alcaldes. O anuncio da presenza de Caballero na cidade levou a que o actual titular do goberno local, Xulio Ferreiro, o convidase a ter unha breve reunión institucional, no que constituíu o primeiro encontro en María Pita dos rexedores das dúas cidades máis populosas do país desde que en 1991 se viron as caras Vázquez e o tamén socialista Carlos Príncipe.

Non vai ser o de Francisco Vázquez o único cadro que se pendure e descobra esta cuarta feira. Tamén vai ser homenaxeado Javier Losada, quen gobernou moito máis brevemente do que o que fora o seu mentor político, co que agora non mantén ningún tipo de relación. Tan profunda é a sima entre eles que non quixeron partillar o acto de descubertas dos seus respectivos lenzos.

A escolla iconográfica de Vázquez para o seu lenzo é un perfeito retrato da súa personalidade

A escolla iconográfica de Vázquez para o seu lenzo é un perfeito retrato da súa personalidade, aparece ataviado co traxe de embaixador do Vaticano, adubiado con bordados de ouro e cun feixe de medallas, entre elas a do seu título de sir concedido grazosamente pola inquilina do Palacio de Buckingham.

Na descuberta do cadro participou o alcalde Xulio Ferreiro, a quen Vázquez agradeceu a organización dun acto que recupera unha "tradición secular", a de as corporacións do presente homenaxearen os alcaldes saíntes (en realidade, Vázquez abandonou María Pita hai unha década).

Esta tarde será a quenda de Javier Losada, cuxo retrato é moito máis austero e cidadanista, un traxe sobrio pintado contra un fondo negro en que se pode ler unha lenda en castelán que reza así: "Todas las personas seremos iguales en nuestra sociedad".

Comentarios