Embaixada española en Venezuela usou dólares do mercado negro para favores electorais ao PP

Nos anos electorais de 2015 e 2016. Hai un ‘burato’ de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Contas.

O secretario xeral da Emigración supervisou a campaña de entrega de medicamentos en Venezuela
photo_camera Imaxe de arquivo: o secretario xeral da Emigración supervisou a campaña de entrega de medicamentos en Venezuela (Xunta)

A Embaixada española en Venezuela usou dólares do mercado negro para favores electorais nos anos 2015 e 2016, un asunto que afecta o PPdeG. É unha información que publica Eldiario.es asinada por David Lombao e Carlos Sosa .

Segundo esta información, o PPdeG mobilizouse en decembro para tapar con fondos dunha fundación pública “o burato de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Contas nas axudas a emigrantes españois nos anos electorais 2015 e 2016”. De feito, un alto cargo da Xunta deseñou un plan para que unha fundación pública tape con fondos propios ese burato.

Rodríguez Miranda, secretario xeral da Xunta de Núñez Feixoo, sería o que propuxo este plan nunha xuntanza na Embaixada española e na que estarían presentes o embaixador e o cónsul xeral, para alén de Miranda. Os tres fan parte da Fundación España Salud (FES), unha fundación pública para prestar cobertura sanitaria a emigrantes españois.

Miras Portugal, home do PPdeG que foi conselleiro de Emigración con Manuel Fraga, sería quen advertiu a Xunta de que había que solucionar este tema sen facer ruído.

Informes en poder do embaixador e do Ministerio de Traballo, sería o dirixente do PP Juan de San Genero, quen tería xestionado a adquisición no mercado negro dunha cantidade indeterminada de dólares, “produto de cambiar 300.000 euros, teoricamente destinados a axudas de emerxencia social para casos graves”. O importe foi para a FES, mais o diferencial obtido mediante o cambio no mercado negro, “que podería ser 40 veces máis”, foi para pagar actividades de “carácter electoralista”. “A comunidade galega foi a que máis se mobilizou nas eleccións de 2015 e 2016”, indican na reportaxe.

Comentarios