Após a derrota no debate orzamentario, Pedro Sánchez avanza os comicios

As eleccións xerais serán o 28 de abril

Incógnita despexada. A lexislatura da moción de censura a Raxoi, a única vitoriosa na historia do actual réxime político, chega ao seu fin. Pedro Sánchez anunciou esta sexta feira a convocatoria de eleccións ás Cortes Xerais do Estado. Finalmente a cita coas urnas será o 28 de abril.

Captura de pantalla (17)

A derrota do Goberno Sánchez, e do seu aliado Unidos Podemos, no debate dos orzamentos para 2019 precipitou os acontecimentos e conduciu ao titular do executivo central a un calexón cunha única saída: a disolución das cámaras e a convocatoria de novas eleccións.

Unha expectación case sen precedentes —Madrid unha fervenza de díxomes díxomes— precedeu a comparecencia de Pedro Sánchez na sala de imprensa do palacio da Moncloa. O xefe do executivo acababa de presidir un consello de ministros extraordinario convocado ás 9 horas, cun único ponto na orde do día, o calendario electoral. A única dúbida estaba na data, sendo que na véspera a ministra de Facenda, María José Montero, dixera aos medios que esta sexta feira Sánchez diría si ou si o día en que chamaría ás urnas. Sobre a mesa, as dúas opcións con maior forza eran o 28 de abril e o superdomingo electoral, o 26 de maio, en coincidencia coas municipais e as europeas.

Sánchez entrou sorrinte na sala de prensa, precedido polo seu exército de asesores e a súa vicepresidenta, Carmen Calvo. Tomou a palabra e comezou a enfiar o seu discurso cunha ollada retrospectiva, á orixe de todo, á moción de censura que en xuño de 2018 derrubou Mariano Raxoi. Estendeuse nunha reflexión sobre o carácter deste intrumento constitucional —"a moción ten que ser construtiva, non se vota para botar a niguén"—unha alusión clara ao bloque independentista e ao sentido do seu voto naquela altura (ERC e PDeCAT nunca terían apoiado realmente o Goberno Sánchez, teríanse limitado a deixar caer Raxoi, segundo a interpretación do inquilino da Moncloa).

Mentres Sánchez debullaba parsimonioso o seu discurso, con toda a imprensa a agardar que desvelase a data da convocatoria, El País informaba nun flash —ás 10.07 horas— que o presidente do goberno comunicara aos seus ministros que chamaría ás urnas o 28 de abril. Non desaproveitou a tribuna da Moncloa o titular do executivo, a facturar un discurso de reivindicación da obra do seu goberno, só lastrada pola súa debilidade parlamentar. "Xunto ao logrado, que ten sido moito e moi importante para este país, temos que recordar o bloqueado", afirmou Sánchez en referencia a aquelas iniciativas lexislativas que vararon no Congreso por falta de apoios ou polo veto dunha dereita que mantiña o control da Mesa do Congreso.

Mentres Sánchez falaba, a embaixada española en Dinamarca tamén revelaba en twitter, ás 10.09 horas, que en efecto o 28 de abril habería eleccións ás Cortes Xerais do Estado. A información filtrábase antes de o presidente do goberno a comunicar con carácter oficial.

O anuncio chegou finalmente ao fío das 10:25 horas, cando, con certa solemnidade, dixo aos meios que tomara a decisión de disolver as cámaras e de convocar o 28A, tal e como xa se filtrara.

O bloqueo aos orzamentos como desencadeante

Analisou Sánchez as razóns que o levaron a anticipar o calendario electoral e previsibelmente puxo o foco no rexeitamento dos orzamentos xerais do estado, votados en contra pola dereita e polo bloque independendista catalá (tamén pola parlamentar de En Marea Alexandra Fernández). Sen a luz verde ás súas contas, o goberno tiña perante si dúas opcións: "ou non facer nada" ou "convocar e dar a palabra aos españois". A Moncloa decantouse pola segunda opción porque a primeira implicaba prorrogar os orzamentos do PP; "que non son os nosos", e que non responden ao perfil social ao que, segundo el, obedecía o proxecto de lei presentado pola ministra de Facenda após o pacto con Unidos Podemos.

"España debe seguir avanzando", acrecentou Sánchez, para a seguir pór en destaque que o propósito que moveu a este goberno e que animará tamén o PSOE na xa inminente campaña electoral é fortalecer a "cohesión social e territorial como única garantía da integridade do estado español", dixo.

Perguntas da imprensa

A comparecencia estivo finalmente aberta ás perguntas dos medios, após varios días en que Sánchez se atrincheirara no twitter e esquivara o contacto coas e cos xornalistas. Na súa primeira resposta, aflorou xa boa parte do que vai ser o seu discurso de campaña: "Uns plantexan un país en que só caben eles. Outros, un país en que cabemos todos". Esa sería a grande diferenza entre os que se fotografaron xuntos na Praza de Colón, veu dicir, e o que defende o PSOE.

"Hai derrotas parlamentares [polo fracaso na votación dos orzamentos] que son vitorias sociais", dixo Sánchez no que pareceu unha frase preparada polos seus asores de comunicación. E mostrouse seguro de que a sociedade acabará respaldando o proxecto contido nesas contas, a súa aposta pola "xustiza social" e polo equilibrio territorial.

Houbo tamén recado para o bloque independentista. "O independentismo sempre soubo onde está o goberno", dixo. E nese sentido invocou o seu mantra: "Fóra da Constitución, nada. Dentro da Constitución, todo". Nese treito do seu discurso quixo Sánchez pór o acento no carácter ferreñamente constitucionalista do PSOE, ao que caracterizou como "o único partido dentro do sistema político español que firmou a Constitución de 1978".

A cuestión catalá tamén lle serviu para bater na oposición conservadora, da que dixo que non ten ningunha solución para o conflito con Catalunya. Con Raxoi limitáronse, dixo, a "negar a realidade" e "negar a evidencia". Agora con Casado a cousa aínda é peor. "O único que propoñen é o 155 permanente". O PSOE, en troca, defende "o diálogo dentro da Constitución". "Hai vías posíbeis para resolver esta crise", dixo, aínda que non as precisou.

Centrado entre dous extremos

Deixou pistas Sánchez sobre a estratexia que vai seguir o PSOE en campaña. Ferraz vaise situar entre dous extremos —a dereita conservadora e o bloque independentista—, mais na conferencia de imprensa o tamén secretario xeral do partido socialista foi especialmente belixerante coa primeira, consciente de que talvez volte a precisar dos votos soberanistas para non ser despexado da Moncloa.

Comentarios