12-X

Eleccións á sombra dunha maioría absoluta

Políticos e analistas comparten con Nós Diario as súas impresións sobre como decorreu esta campaña a distancia e con máscaras de protección.
Galiza escolle o 12-X as 75 deputadas e deputados do Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Galiza escolle este 12-X as 75 deputadas e deputados que conformarán o novo Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)

A ventá que se abre este domingo 12 de xullo cara ao cambio no Goberno da Xunta veu precedida de 15 días de campaña electoral que despuntaron na última semana, co rebrote da Covid-19 na comarca da Mariña e a xestión levada a cabo desde o Executivo do candidato á reelección Alberto Núñez Feixoo.

Cun dereito fundamental, como é do voto, en dúbida, chega unha xornada de reflexión na que os partidos só se centran nas altas porcentaxes de abstención que apuntan as enquisas. Unhas estimacións sempre discutidas, mais que apuntan cara a unha revalidación da maioría popular e unha forte desputa pola segunda posición entre o PSdeG e un BNG á alza.

Nesta escolla das 75 deputadas e deputados do Parlamento da Galiza xogará un papel chave a capacidade de cada formación para colocar a súa mensaxe. Os e as políticas, economistas e analistas consultados por Nós Diario presentan un panorama desigual sen claros vencedores no que foi a campaña en si mesma. Coindicen en que esta estaba deseñada para que non sucedese nada nela, que foi menos activa e máis gris, tamén con excepcións.

Olaia Fernández Davila, deputada no Parlamento da Galiza (1993-2003) e no Congreso (2004-2016) polo BNG, confesa que pensaba que todo "ía ser diferente porque nesta situación non cadraba unha campaña". Porén, considera que se puido "facer o traballo para desmontar a imaxe de bo xestor que quere dar Feixoo".

Púidose facer o traballo para desmontar a imaxe de bo xestor de Feixoo

Davila amósase "optimista" cara ao domingo, aínda coa xornada de "bo tempo" que vai dificultar tamén as cousas. "As persoas convencidas co cambio, e coa necesidade do cambio galego, van participar", incide. Sobre a reacción da oposición ao brote na Mariña, considera que "o que se pide é responsabilidade e que se adíen as eleccións na comarca". "Non se lle pode dicir ás persoas que están a pasar por unha enfermidade infecciosa que poden ir votar e, á vez, recomendarlles non facelo".

Antón Losada, comentarista e analista, profesor titular de ciencia política na USC e doutor en dereito, asegura que "o brote da Mariña alterou a última semana e estase a converter nun auténtico exercicio de manipulación e propaganda por parte do Goberno de Feixoo; diante dunha oposición da que me sorprende a súa absoluta incapacidade para pór isto de relevo. É un auténtico escándalo o que está a pasar", argumenta Losada, que critica que "a oposición comprou o marco mental do PP".

O brote na Mariña é un auténtico exercicio de manipulación

"Paréceme asombroso que o resto siga facendo campaña como se non pasase nada. Nótase que Feixoo está descolocado con isto e non entendo como a oposición non percibe iso. Imos ir votar con máis casos que os que había cando se suspenderon as eleccións e todo o mundo actúa como se nada", evidencia.

Para María Cadaval , profesora de Economía Aplicada na USC e adxunta á Vicerreitoría de estudantes, foi esta "unha campaña marcada polo tema económico pero sen grandes propostas por parte de ningún partido". A profesora apunta ao ERE en Alcoa e sinala que foi "abordado con bastante demagoxia" polas formacións que se desputan a Presidencia da Xunta. "Todos saben que hai pouco que facer e penso que as promesas son pouco beneficiosas neste caso", indica.

A campaña estivo marcada polo tema económico pero sen grandes propostas

"Asistimos á morte da primeira xeración industrial", asegura, para destacar que lle resulta "sorprendente" que as formacións da oposición non tomen como bandeira a segunda xeración industrial, na que colle forza o forestal e o agroalimentario. "Faltan luces largas por parte dos candidatos", resume.

Miguel Anxo Bastos, profesor titular da área de Ciencia Política e da Administración da USC e analista político,viu unha campaña "deslucida" e "tecnicamente sen grandes innovacións". "A única que cambiou algo foi a do BNG, que mudou a súa mensaxe e outros detalles", explica.

Queda saber como será a maioría e quen queda primeira na oposición

Bastos diferencia dous grandes bloques entre as formacións que concorren este 12-X: por un lado sitúa os partidos "que venden a súa presenza no Goberno de Madrid e os seus logros desde a capital", entre os que figuran o PSdeG e Galicia en Común; e por outro agrupa as formacións "máis autocentradas no debate do país", que serían o PP, BNG e Marea Galeguista. "As tendencias das enquisas están aí, queda saber como será a maioría e quen gaña a posición de primeira forza da oposición que se desputan PSdeG e BNG".

María Pilar García Negro, escritora, sociolingüista e profesora da Universidade da Coruña, sinala que "territorio ou nación: ou a Galiza é un lugar onde continuar a política útil ao mantemento do esquema colonizador-colonizado ou é unha nación que aspira a gobernarse a si propria. As forzas políticas de matriz estatal cerran o círculo: todo comeza e acaba na obediencia debida a España e a UE, e na garantía da súa prevalencia como partidos".

A actual situación crítica non fixo máis que recruar unha indefensión de vello

"Para o nacionalismo galego, BNG, a Galiza é centro e destino do seu ideario e programa. A actual situación crítica non fixo máis que recruar unha indefensión de vello, a dunha autoanemia, caricatura penosa dun Goberno merecente de tal nome. Reforzar a dependencia ou denunciala e disporse a cortala: eis o dilema. A Galiza existe: Carvalho Calero dixit".

Para Santiago Martínez, avogado, consultor en comunicación estratéxica e profesor de oratoria, "hai que estar atentos á abstención, sobre todo nun segmento da poboación que por idade é afín ao PP, para ver se isto lle afecta á maioría". 

PSdeG fala de cambio sen razoalo e BNG simbolízao nunha nova Galiza

Martínez, que tamén salienta a "loita entre PSdeG e BNG" como foco fundamental,  ve "erros" na campaña socialista "na imaxe do candidato, no slogan e na falla de discurso en chave galega até o final". "O PSdeG fala de cambio sen razoar e o BNG simbolízao nunha nova Galiza", exemplifica, para valorar que os socialistas se enganan "cun slogan tan directo cando non está no ambiente ese cambio na sociedade". No PP ve unha "ocultación descarada" das siglas e un reforzo do que "vende": a "marca Feixoo".

Comentarios