As eleccións a ollos de... Méndez Ferrín

"Hai que contribuír á destrución da Unión Europea"

Como euroescéptico de esquerdas defínese X.L. Méndez Ferrín, quen avoga pola disolución da Unión Europea debido ao seu défice democrático e o seu carácter imperialista. Olla ademais un novo mundo multilateral onde os pobos europeos deben deixar de estar ao servizo dos EE.UU.

[Imaxe: SG] Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera [Imaxe: SG] Xosé Luís Méndez Ferrín

Que representa para vostede a Unión Europea?

Nada. Eu son euroescéptico de esquerdas e a miña posición coincide no plano europeo co Partido Comunista Portugués. Sempre fixen campaña contra a UE. Precisamente, un dos puntos de ruptura do nacionalismo de esquerdas co predecesor piñeirismo foi debido ao concepto que este defendía sobre o modelo de Europa e que hoxe representa a UE.

Ademais, lembremos que Europa vai moito máis alá da UE. Moscova tamén está en Europa e a tradición europea vén xa de Grecia, mais iso nada ten que ver con estes estados unidos de Europa.

A UE ten défices políticos, carece de carácter democrático e funciona como un pozo de atracción dos nosos aforros e impostos. Vémolo nesa Comisión Europea que dita o que temos que pescar, o que temos que comer e até como temos que sentar na mesa.

A maiores, este ente non favorece en nada a autodeterminación nin a independencia de Galiza.

Con todo, temos que estar alí, en Bruxelas, porque se nós non estamos ocupamos ese lugar outros farano por nós.

Considera que a UE é reformábel?

Non, para nada. Hai que contribuír á súa destrución, a comezar polo plano ideolóxico, e ver ademais con alegría o momento de disolución en que se atopa.

Como ve a situación do continente?

Rusia está contribuíndo con outros países de América e Asia á creación dun planeta multilateral, e neste contexto os estados europeos teñen que entrar nunha nova configuración territorial e deixar de ser a cola dos EEUU.

Ademais, os estados da Europa son fracturábeis e pode haber independencias, como ocorreu en Iugoslavia, mais como estas eran favorábeis aos EEUU foron ben vistas. O independentismo que nós apoiamos non é favorábel a eles e o traballo a facer é maior.

Comentarios