26M

As eleccións desde o núcleo dos partidos

26 de maio, eleccións municipais e europeas. Apenas un mes despois dun 28A que fixo abalar a hexemonía do PP na Galiza. Falamos con responsábeis das diferentes organizacións para que nos expliquen cales van ser ao seu entender as chaves dunha campaña que camiña cara ao seu ecuador. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza.

Colexio electoral na Coruña

Son moitas variábeis a se entrelazar o 26M: coinciden eleccións municipais e europeas, teñen lugar apenas un mes despois duns comicios xerais precedidos por unha campaña de alta voltaxe e hai un bo feixe de interrogantes sobre a mesa: marcarán a fin do dominio popular no mapa municipal galego? Será quen o PSdeG de estirar o resultado propicio do 28A? Certificarase a remontada do Bloque? Cal vai ser o resultado das candidaturas municipalistas, nomeadamente nas cidades onde goberna? Falamos con responsábeis de campaña electoral e con dirixentes representativos dalgunhas das diferentes formacións para que nos conten cales consideran eles as claves destas eleccións.

Desde a cociña de campaña do PPdeG afirman a Sermos Galiza: “Aspiramos a acadar maiorías amplas de goberno, para darlle estabilidade as institucións”. Indican así mesmo que pretenden “manter o poder local que temos e amplialo, tanto no eido urbano, como no rural e provincial”. Nas declaracións públicas do seu xefe de campaña e secretario xeral, Miguel Tellado, esa clave estaría en que o 26 de maio non houbese ovellas descarriadas na dereita que elixisen papeleta distinta á do PP. “Se dividimos o voto, gaña a esquerda. Hai que unir e concentrar o voto de centro dereita no Partido Popular”, repite con insistencia nos mítines e nas entrevistas nos medios.

Importancia

Para Rubén Cela (BNG), as municipais son as eleccións, “menos deturpadas mediaticamente”, son os comicios e a campaña “máis achegados á cidadanía”, polo que “non se gañan desde un plató de televisión en Madrid, aínda que inflúa”. Por iso ten claro que o 26M “se vai ver que organizacións teñen presenza no país, e o BNG tena”. Para Xulio Torrado (PSdeG), “os cidadáns están máis metidos nestas eleccións que nas municipais de hai catro anos”, o que ve como indicador de que hai un desexo de cambio.

Ana Seixas, viceportavoz de En Marea, considera que nesta cita coas urnas “está en xogo consolidar un espazo que se abriu en 2015”, en referencia aos gobernos municipalistas, e que iso vai mobilizar o electorado. “O PP está afundido”, conclúe Antón Sánchez, portavoz de Anova, formación que conforma candidaturas en diferentes concellos con outras formacións como Podemos, Esquerda Unida ou proxectos veciñais. “Mais a alternativa non debería estar liderada pola outra pata do réxime do 78, o PSOE”, engade.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 346 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios