As eleccións municipais en Ferrol, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás Alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Continuamos con Ferrol recollendo as opinións do candidato do Partido Popular, José Manuel Rei; o cabeza de lista do BNG, Iván Ribas, e o alcaldábel de Ferrol en Común, Jorge Suárez. Na data de publicación destas entrevistas, ‘Nós Diario’ non obtivo resposta do actual alcalde e candidato á reelección polo PSdeG, Ángel Mato.

José Manuel Rei, Jorge Suárez e Iván Ribas. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Rei, Jorge Suárez e Iván Ribas. (Fotos: Nós Diario)

A cidadanía de Ferrol, ao igual que a do resto do país, ten unha cita chave coas urnas o vindeiro domingo 28 de maio. Nestes comicios volveranse enfrontar os tres últimos alcaldes da cidade, todos eles durante un mandato de catro anos que —á espera de ver que acontece co actual rexedor— non lograron revalidar. O socialista Ángel Mato, de quen Nós Diario non obtivo resposta na data de publicación desta serie de entrevistas, aspira a facerse de novo co bastón de mando após o 28-M.

O seu predecesor no cargo, Jorge Suárez, é de novo a cabeza visíbel do proxecto de Ferrol en Común, que gobernou o municipio entre 2015 e 2019 após alcanzar un pacto poselectoral co PSdeG, mentres na candidatura do PP salienta como 'número un' quen liderou a cidade entre 2011 e 2015, o 'popular' José Manuel Rei. A candidatura do BNG, pola súa parte, aposta por Iván Ribas para loitar pola Alcaldía este domingo.

José Manuel Rei (PP): "Ferrol precisa estabilidade fronte aos bloques de partidos"

O candidato do Partido Popular promete executar tres medidas nos seus primeiros 100 días no goberno: "A constitución do goberno municipal, porque xa temos ao equipo de profesionais preparados para traballar dende o minuto un, aquí non haberá problemas no reparto das concellerías. Nós temos experiencia e capacidade de xestión".

Rei, que non gobernou entre 2015 e 2023 malia liderar a candidatura máis votada nos dous últimos comicios, lamenta que primasen "intereses de partido fronte aos dos veciños" para "evitar que gobernase a lista máis votada". "Isto tivo graves consecuencias: o abandono da cidade, a parálise de proxectos de vital importancia para o desenrolo económico e social, o feche do Concello aos veciños e un alcalde que non os escoitou", afirma.

Jorge Suárez: "Ferrol debe abandonar o modelo urbano do século XX"

O outro ex rexedor, Jorge Suárez, sinala a este xornal que o mandato de Mato foi "francamente decepcionante". "Coidamos que se produciu un retroceso ás políticas desarrollistas dos anos noventa, onde as obras faraónicas e cuestionábeis na súa necesariedade, como cinco millóns de euros investidos nunha soa rúa, antepuxéronse á procura desde o público dos investimentos nas persoas, no seu emprego, no seu benestar, a participación, os servizos áxiles e efectivos e a participación, en definitiva, foi un Goberno de elites sen contar coa cidadanía, antítese do que nos propugnamos, o sentimento de pertenza á comunidade", sostén.

Na mesma liña, cre que  "a política non pode pivotar en torno a catro grandes obras e dous festivais de consumo rápido". "O centro da política debe ser o progreso social, desde o colectivo garantir que o individuo mellore as súas condicións de vida", prosegue.

Iván Ribas: "Ferrol é unha cidade condicionada polo que se decide en Madrid"

Na súa entrevista, o nacionalista Iván Ribas incide en que "Ferrol hoxe é unha cidade condicionada en todos os seus aspectos polo que se decide en Madrid e polo Ministerio de Defensa sen que haxa un mínimo debate ao respecto". "Ao tempo, os alcaldes, habitualmente, normalizan esta relación de submisión e dependencia", lamenta.

Neste senso, precisa: "É urxente contar cunha compensación económica por parte do Estado polo alto nivel de ocupación de terreos na cidade, ademais temos que abordar dunha vez a apertura de Ferrol ao mar incorporando algúns dos terreos existentes tras o muro do Arsenal á cidade e por último temos que abordar a construción naval nun senso amplo, non só limitados ao ámbito militar".

Comentarios