28-M

As eleccións municipais en Compostela, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Continuamos con Santiago de Compostela recollendo as opinións do alcalde e candidato do PSdeG á reelección, Xosé Sánchez Bugallo; a candidata do BNG, Goretti Sanmartín, o do PP, Borja Verea e a alcaldábel por Compostela Aberta, María Rozas.

Bugallo, Sanmartín, Verea e Rozas, pirncipais cabezas de lista de cara ao 28-M (Foto: Nós Diario).
photo_camera Bugallo, Sanmartín, Verea e Rozas, pirncipais cabezas de lista de cara ao 28-M (Foto: Nós Diario).

As e os composteláns, ao igual que o resto da cidadanía galega, teñen unha cita coas urna o vindeiro 28-M. Após varias mudanzas de rexedores nos últimos anos, o socialista Xosé Sánchez Bugallo logrou a Alcaldía en 2019, posto que busca revalidar agora en 2023. Fronte a el terá varias candidatas e candidatos que buscan implementar despois do 28 de maio o seu modelo de cidade.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta precisamente con Bugallo mais tamén coas cabezas das principais candidaturas: Goretti Sanmartín (BNG), Borja Verea (PP) e María Rozas (CA).

Xosé Sánchez Bugallo: "Tras oito anos de parálise recuperamos o pulso da cidade"

O rexedor compostelán e candidato á reelección responde á preguntas de Nós Diario facendo especial énfase na necesidade, segundo el, de que o seu partido continúa á fronte en Raxoi.

“Despois de oito anos de parálise, neste mandato os socialistas fomos quen de recuperar o pulso da cidade. E fixémolo nun contexto que demostra a nosa experienca e solvencia, xa que xestionamos unha crise sen precedentes, e o fixemos apoiando ás persoas e aos sectores máis desfavorecidos”, asegura o alcalde.

Goretti Sanmartín: "Vivimos un esmorecemento ao que hai que darlle a volta"

Pola súa parte, a candidata nacionalista a se facer co bastón de mando é Goretti Sanmartín. Para ela é importante que sexa o BNG quen se sitúe na cabeza do Goberno municipal para facer avanzar a cidade.

“Compostela foi a menos nos últimos tempos, vivimos un esmorecemento ao que hai que darlle a volta e ese é o obxectivo do BNG na Alcaldía de Santiago. Ir a máis, darlle impulso ao concello, convertelo na verdadeira capital dun país con futuro. Imos deseñar un modelo de cidade para as persoas, que mellore a vida de quen vive aquí”, salienta a candidata do BNG.

Borja Verea: "Precisamos ambición para ser referentes e construír políticas centradas nas persoas"

Quenda do alcaldábel do PP, Borja Verea que busca que sexa o seu partido quen lidere o Goberno da capital galega. Para Verea é necesario un cambio de rumbo na gobernanza da cidade.

“Nós temos que competir coas principais capitais do mundo e ser epicentro de vangarda e de futuro. Vai no noso ADN e iso estámolo perdendo. Hai unha dimensión universal de Santiago que non se coidou e agora estamos sufrindo as consecuencias”, manifesta o candidato popular.

María Rozas: "Bugallo viviu da inercia dos proxectos e propostas herdadas de CA"

Finalmente, a cabeza de lista de Compostela Aberta (CA), María Rozas, tamén respondeu as preguntas deste xornal de cara so 28-M. Para ela, a candidatura que lidera debe colocarse á fronte de Raxoi nos próximos catro anos.

“A realidade é que o único que fixo este Goberno, con Bugallo á cabeza, foi vivir da inercia dos proxectos e das propostas herdadas de Compostela Aberta, das grandes infraestruturas desbloquedas e dos fondos europeos captados por CA”, indica Rozas.

Comentarios