As eleccións locais de 2023 marcan o actual curso político

As eleccións locais mandan na axenda política das principais formacións galegas. Esta mesma segunda feira, a asemblea do BNG de Lugo ratificou como cabeza de lista Rubén Arroxo. Nesta mesma dirección, o PSdeG presentou este domingo como candidata en Redondela a actual alcaldesa, Digna Rivas, mentres os populares de Sarria elixiron como novo presidente do partido o veterano Fernando Carlos Rodríguez.
Luis Pardo, Elena Candia e Fernando Carlos Rodríguez na clausura do congreso do PP de Sarria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luis Pardo, Elena Candia e Fernando Carlos Rodríguez na clausura do congreso do PP de Sarria. (Foto: Nós Diario)

Os populares queren converter as eleccións locais do vindeiro ano nunha sorte de primarias das estatais. Neste sentido, entenden que un PP reforzado neses primeiros comicios parte con máis vantaxe para as eleccións lexislativas. Porén, non esquece a importancia das municipais e busca na Galiza mellorar as súas posicións en relación a 2019, co obxectivo de gobernar en Ferrol e Ourense e dar a batalla en Lugo. Nestas últimas cidades centra o PP a súa campaña, apoiado nunhas enquisas que lle dan posibilidades nas dúas primeiras localidades, mais non así na terceira.

O desembarco de Elena Candia como cabeza de cartel en Lugo está a provocar tensións internas na agrupación local do PP, partido que, segundo as últimas sondaxes, retrocede en intención de voto. A maiores, as posibilidades de lograr a presidencia da Deputación semellan remotas para os populares, ao non conseguir unha mellora substantiva en Lugo, ao ficar lonxe dos socialistas no partido xudicial da Fonsagrada e ao ter complicado conseguir o segundo deputado na Ulloa.

Ademais, o conflito aberto en Sarria debido á conformación das candidaturas, onde sae derrotado o candidato do aparato, adianta novas confrontacións noutras localidades.

O BNG entende que vai mellorar de maneira significativa os seus resultados das eleccións locais. Nesta dirección, os responsábeis da organización botan man das tendencias definidas nas sondaxes, do aumento do número de candidaturas en relación a 2019 e do reforzo das mesmas con incorporacións de referentes sociais. Na mesma liña, destacan a integración na formación de diversas candidaturas locais, como ten acontecido en Vilar de Santos ou Vimianzo.

Os socialistas, pola súa parte, concorren a este proceso a conservaren as súas posicións no ámbito local. Así, dan por feito o mantemento da presidencia das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, ao tempo que agardan conservar as alcaldías de Vigo, A Coruña e Compostela.

Lugo preocupa ao PSOE

Na mesma dirección, recoñecen que en Lugo deben suar a camisola, moi preocupados polo ascenso do BNG, e recoñecen problemas en Ferrol e Ourense, onde nos pasados comicios ficaron como primeira forza. Porén, consideran desde a dirección socialista que a substitución de Rafael Rodríguez Villarino por outro candidato nesta última cidade, probabelmente Natalia González, abre novas perspectivas para o partido.

Anova, un dos suxeitos decisivos no espazo das mareas municipalistas, deu na fin de semana un paso adiante e escolleu unha nova dirección liderada por Martiño Noriega e Oriana Méndez, dúas persoas ligadas ao municipalismo, anunciando novos contactos para enfrontar os comicios locais. 

Comentarios