As eleccións en Euskadi serán o 25 de setembro

As dúas últimas convocatorias de comicios galegos e vascos coincidiron na data. Feijóo sempre se amosou partidario de que coincidisen.

Urkullu-Feijoo-
photo_camera Feijóo e Urkullo na xuntanza mantida en abril.

As eleccións vascas serán finalmente o 25 de setembro, unha das dúas datas que se barallaban como máis probabéis, a outra era o 2 de outubro, para que os vascos acudisen ás urnas. O lehendakari Iñigo Urkullu anunciou esta sexta feira que os comicios serían o 25. Defendeu que esa data era "a mellor para Euskadi". Na decisión pesou, segundo diversas fontes, a posibilidade dunhas probábeis terceiras eleccións no Estado español, un escenario que Urkullu querería que se afastase o máis posíbel dos comicios vascos.

Nas dúas últimas convocatorias, 2009 e 2012, houbo coincidencia de data entre as eleccións vascas e galegas. Nas do 2009 foran un 1 de marzo e nas de 2012, o 21 de outubro. A pregunta do millón é se Núñez Feijóo convocará o 25 de setembro, para manter esa coincidencia, ou ben manterase en realizalas no mes de outubro, como deixou caer nas últimas semanas. 

Esta mesma sexta feira, 29, e antes da comparecencia de Urkullu, o propio Feijóo afirmou que ía falar "de inmediato" co lehendakari e apontaba que a ambos ous dous lles gostaría coincidir na data. Nesas declaracións tamén reiteraba que se mantiña no dito estes días, referíndose a outubro como o mes para as eleccións galegas. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou na mesa xornada que, independentemente da data vasca, os comicios galegos serían en outubro.

Comentarios