Eleccións e demografía: 1 de cada 3 votantes galeg@s ten máis de 60 anos

Máis de 827.000 persoas, maiores de 60 anos, poderán exercer o seu dereito a voto nas municipais, un 36% do censo total. Hai 4 anos estreáronse nas municipais 45.000 moz@s galeg@s. Este 24M non serán nin a metade desa cifra.

Votación en Vigo
photo_camera Votación en Vigo

As urnas do 24M tamén van reflectir a realidade dun país en plena crise demográfica, mergullado nun proceso acelerado de despoboamento e envellecemento poboacional. Das 2.284.741 persoas con dereito a voto nesta cita coas urnas, 827.000 teñen máis de 60 anos, o que supón un 36% -máis dun de cada tres- do censo. Duplica a cifra daqueles con dereito a voto que teñen entre 18 e 25 anos de idade.

Nas municipais do 24 de maio terán dereito a voto 22.000 persoas menos que na anterior cita municipal, en 2011, cando eran 2.306.500 as que podían votar. Unha mingua que se vén producindo ano tras ano.

Caída constante

Un dos grupos onde é máis constatábel esta mingua nas eleccións municipais é o das persoas que votan por primeira vez. Este 24 de maio acudirán por primeira vez a unhas municipais 82.354 mozos e mozas. Máis só 19.900 terán nesta cita a súa primeira oportunidade de votar, pois o resto (62.000) xa tiñan idade para facelo nas anteriores europeas, estatais e autonómicas.

Mais se este 24 de maio van ser algo menos de 20.000 as e os mozos que poden votar, nas municipais de 2011 esa cifra era de 45.000, máis do duplo. E en 2007 andaba por volta dos 100.000. Unha redución máis que preocupante en menos dunha década.

Participación.

Un total de 1.199 candidaturas concorren nestas municipais nos 314 concellos de Galiza. Iso representa 20.619 persoas integradas nesas listaxes, un número importante. Malia este número, en 47 dos 314 concellos de Galiza os seus habitantes con dereito a voto só poderán optar entre 2 candidaturas, e en 122, entre tres listaxes. No outro extremo atópanse municipios como o de Vigo, onde compiten nestes comicios un total de 17 candidaturas.

Comentarios